Parlamento Galego

O BNG traslada ao Parlamento unha iniciativa de Vía Galega para rematar co drama da emigración

Montse Prado e Via Galega
Montse Prado e Via Galega
Montse Prado solicitou crear unha comisión de estudo para abordar as causas e impulsar políticas que aseguren o dereito a un traballo digno así como o retorno das persoas emigradas, propostas que foron rexeitadas polo Partido popular.

A deputada do BNG, Montse Prado trasladou ao pleno da Cámara galega unha iniciativa de "Vía Galega" para abordar as causas e impulsar políticas que aseguren o dereito a un traballo digno e o retorno das persoas emigradas.

Prado pediu o apoio de todas as forzas políticas para considerar  a emigración  “un drama social e nacional” e  concibir este problema como unha emerxencia nacional. Neste sentido, instou  á Xunta de Galiza a “impulsar políticas que aseguren o dereito a un traballo digno na terra e crear condicións que  favorecer o retorno das nosas persoas emigradas”.

Asemade, reclamou constituír,  no primeiro trimestre de 2020, unha Comisión de estudo sobre a emigración galega co obxecto de que, no prazo máximo de cinco meses, estude e propoña medidas e políticas necesarias para rematar coa emigración en Galiza. Para a parlamentaria, a comisión debe rexerse pola  defensa da base produtiva de Galiza e dunha economía autocentrada que xere  “emprego digno e de calidade”, desenvolvendo políticas socias  que aseguren a igualdade e favorezan a conciliación da vida laboral e familiar.

A deputada tamén pediu un compromiso  para potenciar o  tecido industrial e os sectores  agrogandeiro, forestal, marítimo-pesqueiro , enerxético, I+D+I e das TIC.

Tras a intervención da portavoz do Partido popular, Raquel Arias anunciando o voto en contra á iniciativa nacionalista, a parlamentaria do BNG lamentou que, unha vez máis, o PP persista nunha postura contraria a resolver o grave problema da emigración. O PP, dixo, presume de gobernar no “mellor sitio para nacer pero pecha paritorios, o mellor sitio para ser nenos e nenas pero sen políticas de conciliación, o mellor sitio para ser maior pero sen residencias e coas  pensións  máis baixas do estado” e anuncian máis proxectos en marcha. “Pídolles, por favor, que non o fagan despois de ver os resultados das súas políticas”.

A deputada explicou que a iniciativa de Vía Galega está sendo debatida en concellos  nos que o Partido popular votou a favor como, Coirós, A Guarda, Cee, Catoira, Moaña e  absténdose  en Santiago, Corcubión e Rianxo. O mesmo ocorre, engadiu  co paritorio de Verín sobre o que unha parte do PP  vota en contra do seu peche e a que  toma as decisións está de costas. Ante un problema de grande magnitude como a emigración, reiterou a nacionalista, reclamamos crear unha comisión para poñer no centro de debate esta situación e constatamos que  o Partido popular, de novo “vira as costas” á cidadanía.

Segundo o Instituto Galego de cualificacións dependente da Consellería de  Traballo, afirma que por cada persoa universitaria que chegou a Galiza, atraída por algún contrato de traballo, “marcharon dúas persoas”, e dicir, si viñeron a traballar ao noso país 7.585 licenciados e licenciadas, entre o 2008 e 2016, “marcharon 15.026”.

Prado concluíu a súa intervención asegurando que a “emigración do pasado en Galiza  tiñan no seu ideario o retorno pero hoxe a xente moza que emigra vaise coa idea de non volver e iniciar un proxecto de vida fóra”.
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG