O BNG traslada ao Goberno un paquete de 40 medidas para minimizar os efectos do coronavirus

Ana Pontón
Ana Pontón

Pontón destaca o consenso para aprazar ás eleccións do 5 de abril e retomalas cando se supere o estado de alarma e a situación de emerxencia sanitaria

Consenso tamén para determinar un funcionamento da Deputación Permanente acorde á situación de crise porque o Parlamento non pode estar a medio gas

O BNG traslada ao Goberno un paquete de 40 medidas para minimizar os efectos do coronavirus

A portavoz nacional, Ana Pontón, insistiu en que na situación de crise o fundamental é enviar á sociedade unha mensaxe de “unidade, fortaleza, e colaboración total” para afrontar a pandemia do coronavirus e minimizar o seu impacto no ámbito da saúde e no ámbito económico.

As eleccións quedan nun segundo plano tras o criterio unánime de que non é posible celebralas o 5A. En consecuencia, a resposta por consenso acadado na reunión entre o presidente da Xunta, as forzas parlamentarias e Cds, é un aprazamento dos comicios para ser retomados unha vez que o estado de alarma e a emerxencia sanitaria estean superados e sexa posible votar con total garantías. A fórmula xurídica sobre este consenso será plasmada nun informe que mañá analizarán nunha nova reunión por videoconferencia.

“O lóxico é aprazalas para retomalas cando haxa unha situación de normalidade”, salientou Pontón na súa comparecencia, quen recalcou a necesidade de tomar calquera decisión sobre os comicios por consenso político: “é fundamental porque estamos ante unha cuestión que afecta a unha convocatoria electoral e non ten precedentes”.

En relación a cando retomar as eleccións, indicou que é preciso “ter unha certeza no horizonte no que imos movernos, o lóxico e establecer algún criterio e válenos que unha vez superada a emerxencia sanitaria e o estado de alarma, haxa desde un prazo razoable para retomar a convocatoria, pode ser inmediatamente, pode ser ao cabo dun mes, en todo caso, cando se dean as circunstancias para desenvolver unha campaña e unha xornada electoral sabendo que agora a prioridade e combater a crise e as eleccións pasan a un segundo plano”, explicou Pontón.

Video conferenciaO consenso entre as forzas políticas tamén pasa por determinar un funcionamento da Deputación Permanente acorde coa situación, tendo en conta que o Parlamento está disolto en base a unhas eleccións que non se van celebrar na data prevista. “Todos e todas entendemos que o funcionamento do Parlamento é fundamental porque da garantías democráticas á cidadanía, o poder lexislativo non non pode estar a medio gas”, indicou.

Pontón cualificou o encontro de moi positivo e, ademais do encontro para mañá, estas reunións terán unha continuidade semanal para compartir información, proposta e análise da situación.

Blindar Galiza

En relación ás 40 medidas propostas polo Bloque e remitidas ao Goberno galego, Pontón insistiu na necesidade de blindar Galiza, limitando movementos, unha medida “drástica” pero que se ten revelado moi eficaz. Neste sentido, para o BNG tan preocupante poder ser a chegada de alguén de Portugal ou Francia como que se tomen medidas para evitar a chega de territorios que, como Madrid, teñen un foco importante de coronavirus.

A formación nacionalista propón reforzar os servizos sanitarios e medidas de protección de todas as persoas que teñen que ir traballar, ampliar a dotación das saturadas liñas telefónicas, “para evitar a angustia de persoas que teñan síntomas pero non podan obter resposta por parte das administracións”, indicou Pontón. Igualmente, reforzar o ámbito asistencial empezando por colocar baixo mando único da Xunta os servizo sociais que se prestan desde os concellos. Especial atención tamén ás persoas en risco de exclusión social para garantir que sigan recibindo o apoio necesario.

Violencia machista

A líder nacionalista fixo fincapé na necesidade de tomar medidas e establecer protocolos en relación a violencia machista, tendo en conta que a obrigatoriedade de quedarse no domicilio pode disparar situación de conflito contra as mulleres.

No relativo ao impacto económico da crise, o BNG considera que as medidas xa van con atraso polo que pide que se adopten xa, e que sexa rápidas e eficaces.

Condonar tres meses hipoteca, alugueiro pagos servizos básicos

Entre as propostas nacionalistas, medidas de compensación para que as persoas que soporten un ERTE ou no caso de autónomos teñan garantía de que van percibir ingresos similares aos actuais; condonar tres meses de pagos da hipoteca ou alugueiro e igual no relativo aos servizo básicos como luz, auga, gas, que deben ser condonados polo menos tres meses.

No ámbito laboral, proponse que o tempo parado debido á crise non compute na prestación do paro, posto que non hai posibilidade de busca activa de emprego. E solicita un fondo de continxencia, aínda que implique deixar atrás o obxectivo de déficit, así como levantar o límite de contratación de persoal nos servizos públicos. Por último, un plan de choque para paliar as consecuencias económicas e laborais pola afectación no desenvolvemento do Xacobeo.

Pontón concluíu reiterando a solidariedade do BNG coas persoas afectadas, en particular coas familias que perderan seres queridos, e un recoñecemento do traballo excepcional do persoal sanitario e do persoal que traballa para garantir o abastecemento de alimentos, medicamentos ou combustible, “os heroes e as heroínas desta crise da que imos saír máis fortalecidas”, concluíu.

 

DESCARGAS:

O BNG traslada ao Goberno un paquete de 40 medidas para minimizar os efectos do coronavirus