BNG traballa na inclusión social das persoas migrantes

Encontro A Pobra do Caramiñal
Encontro A Pobra do Caramiñal
Rego, Pérez e Cerecedo manteñen unha primeira xornada de traballo coa ONG “Sen Valos” para abordar as necesarias modificacións na Lei de estranxeiría e nos procedementos administrativos de cara a favorecer a regularización e inclusión das persoas migrantes.

O deputado do BNG Congreso, Néstor Rego, a deputada no Parlamento de Galiza, Rosana Pérez, e a voceira municipal do BNG na Pobra do Caramiñal, Amparo Cerecedo, manteñen un encontro coa ONG “Sen Valos” para traballar a prol da integración social das persoas migrantes. A formación nacionalista comprométese a traballar no eido institucional para que a lei de estranxeiría sexa modificada para garantir unha verdadeira cohesión social e que se respecten os dereitos do colectivo migrante, refuxiado e solicitante de protección internacional.

Durante a xuntanza organizada pola Concellaría dos Servizos Sociais, que dirixe o BNG, a súa voceira, Amparo Cerecedo, agradece a participación dos deputados da formación nacionalista e a predisposición da ONG “Sen Valos” para falar sobre as liñas de traballo a desenvolver sobre a aplicación da lei de estranxeiría. Pola súa banda, o presidente de “Sen Valos”, Patxi Hurtado, traslada as inquedanzas existentes dentro do “complexo sistema lexislativo e administrativo” nos procesos de regulación e na adquisición de dereitos por parte das persoas inmigrantes.

“Estes procesos están vinculadas a unha condicións laborais específicas como pode ser ter contratos laborais dun ano a xornada completa. Estas condicións son irreais e non están adaptadas á realidade existente” explica Hurtado. Isto provoca unha maior dificultade na regularización e, polo tanto, na adquisición de dereitos por parte do colectivo inmigrante, refuxiado e mesmo as persoas solicitantes de proteccións internacional.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, comprométese a traballar a prol da recuperación de dereitos e evitar a exclusión social. As institucións públicas non poden virar as costas á realidade e deben asumir as súas responsabilidades nesta materia pois “os fluxos migratorios prodúcense de maneira forzada por razóns de carácter económico, social, político e mesmo ambiental e cada vez son máis frecuentes” enfatiza. “As políticas levadas a cabo polos países da Unión Europea, incluído o Estado español, provocan en moitas ocasións estes fluxos migratorios de refuxiados” por iso, continúa o deputado Néstor Rego, “o que hai que facer son políticas que favorezan o desenvolvemento social e económico que evite os fluxos migratorios” subliña o deputado nacionalista.

No concreto, Rego chama a favorecer o respecto dos dereitos das persoas que chegan a Galiza para evitar un detrimento da cohesión social. “Trátase, por unha parte, de mudanzas lexislativas perfectamente posíbeis para remover as trabas que aparecen neste momento e eliminar actitudes e comportamentos que nos procesos administrativos dificultan a regularización e a integracións destas persoas” explica Rego.

“Os dereitos deben respectarse sempre, sen que inflúa a existencia ou non dun emprego”, as persoas migrantes deben ter todos os seus dereitos garantidos sempre, sen requisitos ou condicións, “trátase dunha obriga moral, ética e política e unha prioridade en pleno século XXI”, conclúe o deputado do BNG.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG