BNG tilda de Lei “pantalla” a lei de recuperación de terras agrarias do PP

María Albert e Mini Rivas
María Albert e Mini Rivas

María Albert: “O obxectivo é deixar o terreo a disposición das grandes multinacionais do sector, ENCE para o eucalipto e FINSA para o piñeiro”

Xosé Luís Rivas denuncia a falta de obxectivos básicos para a recuperación de hectáreas abandonadas e fixación de poboación no rural

BNG tilda de Lei “pantalla” a lei de recuperación de terras agrarias do PP

Na comparecencia ante os medios de comunicación para presentar a posición do BNG ante a proposición de lei do PP para recuperación de terras agrarias, a portavoz en materia de montes, María Albert afirmou que a lei forma parte da “ofensiva lexislativa e normativizadora do PP no medio rural” e busca deixar o terreos “á disposición das grandes multinacionais do sector, ENCE para o eucalipto e Finsa para o piñeiro”.

Acompañada do deputado e portavoz de Agricultura do BNG, Xosé Luís Rivas, que cualificou a Lei como “pantalla” do PP para agochar outros intereses, María Albert destacou que o Plan Forestal, a reforma da Lei de Montes en Man Común, a Lei de Incendios e a modificación da Lei de Montes inscrita á lei de acompañamento dos orzamentos galegos, son normas que  buscan “sentar as bases” para beneficiar ás grandes multinacionais.

 O PP, dixo, quere controlar o monte a terra rústica e a terra  agraria útil para pasar de “prohibir” o eucalipto nalgunhas zonas a “recomendar” que non se plante esta especie. De aí, que a Xunta pretenda parar o Nitens que substitúe ás plantacións de coníferas para a venda no exterior, mercado, afirmou, que non “interesa nin a Finsa nin a ENCE”.

Neste contexto, engadiu, aparece, o proxecto tractor VISCOSA, derivado da celulosa que nos obrigaría a movernos no mesmo marco actual e  aprobado o Plan Forestal e publicados os 38 novos modelos silvícolas, resulta evidente que o PP quere “privatizar a xestión do monte” en man común obrigando  ás parcelas inferiores a 15 hectáreas a dispor dun instrumento de ordenación ou xestión forestal dos que os produtores carecen e os conduce a participar en polígonos agroforestais ou ceder a súas terras.

Albert recalcou que a proposición de lei do PP está máis pensada para o forestal que para a recuperación da terra agrogandeira en xeral.

A lei do PP confirma o abandono do medio rural

Pola súa parte, o portavoz de Agricultura do BNG, Xosé Luís Rivas asegurou que lei evidencia “o abandono” do medio rural que tantas veces denunciou o BNG e o PP negou durante 12 anos.

“Esta lei non vai en serio”, non pretende recuperar a terra agrícola, a terra agraria e agropecuaria, esta e unha Lei “pantalla” que quere agochar outros intereses, recalcou.

Para o nacionalista a proposición de lei  debería ser unha lei de goberno e non dun grupo parlamentario, debería pasar polo Consello Económico Social e someterse a “un amplo debate” social e cos sectores implicados.

A lei non conta con memoria económica e deixa a mobilidade de terras ao “voluntarismo” e por outra banda, fai  pivotar toda a responsabilidade sobre un ente, AGADER, que non está dotado para estes labores. Na nosa lei do Banco de Terras, lembrou Mini, as hectáreas tiñan vocación “agropecuaria” non como nesta lei que carga as tintas nas terras “agroforestais”.

Xosé Luís Rivas (Mini) denunciou que o medio rural continua padecendo “un grande castigo” como a proliferación de eólicos ou bioxestores do purín ao que hai que sumar futuras plantacións de viscosa. Esta lei “nin prioriza nin adapta o modelo que o país nos suxire, unha realidade minifundista”.

O deputado anunciou que o BNG proporá incluír na lei: unha “diagnose real do medio rural acompañada dunha  memoria económica porque dende o ano 2012 levamos perdidas máis de 60.000 hectáreas de terra produtiva. A terra de labradío cultivado protexe as persoas, aos animais e os bens  contra os lumes.

Para o nacionalista, a lei debe priorizar as superficies de alto rendemento agropecuario, cun “33% como mínimo”; polígonos forestais e agrarios cunha superficie do 55% e non do 70%, frear a forestación de terras agrarias, parar a incautación dos montes veciñais e propoñer ao goberno do Estado modificar a normativa sobre o imposto de sociedades ás comunidades de montes. Urxe iniciar os trámites para que o “catastro sexa galego” e que a lei conte con participación social e os axentes implicados, concluíu. 

 

BNG tilda de Lei “pantalla” a lei de recuperación de terras agrarias do PP