parlamento galego

BNG tacha de “novo capítulo propagandístico” as liñas de actuación anunciadas pola Xunta para a educación e a cultura

Manuel Lourenzo
Manuel Lourenzo
Manuel Lourenzo recrimina ao PP o autobombo cando practica o recorte no ensino e vota en contra da declaración da cultura como ben esencial   

“O que vimos de escoitar é un novo capítulo de autobombo, propaganda hiperbólica e anuncio tras anuncio que non se concreta en nada máis que en notas de prensa e power points”. Así cualificou o portavoz nacionalista de Educación, Manuel Lourenzo, a comparecencia no Parlamento galego do conselleiro de Cultura, Educación e Universidade para explicar as liñas estratéxicas de actuación do seu departamento.

Na súa intervención durante o pleno parlamentario, Lourenzo enfrontou os “contos” con “contas” e recriminou á Xunta que sometera “ao ensino público galego a unhas tensións de persoal, recursos e medios que motivaron que o impacto da pandemia no ensino público fose exponencial na súa intensidade”.

Así, en materia de profesorado, criticou o incremento dos cadros no ensino privado e concertado, mentres se recortaba o cadro de profesorado no ensino público. “No ano 2020, ao inicio da pandemia, o número de docentes subía en relación ao 2009 nun 5,56 e nun 5,48% na concertada e na privada, respectivamente. Mentres, vostedes reducían o profesorado do ensino público nun 4,25%”, afeou en relación á próxima Oferta de Emprego Público destacada polo conselleiro.

Neste sentido, o portavoz de Educación exixiu medidas concretas: “propostas, señor conselleiro; recupere as ratios establecidas como ratios máximas por aula e que vostedes incrementaron, 20 alumnxs en Educación Infantil e 25 no resto de niveis educativos; restablezan a carga horaria ao profesorado que vostedes incrementaron; recuperen vostedes os dereitos laborais e salariais do profesorado galego”, enumerou.

Logo de criticar ao Executivo galego a súa falta de previsión e a implantación de medidas eficientes no ámbito educativo dende o inicio da pandemia, recordoulle ao titular de Cultura, Educación e Universidade que o plan de ensino virtual, fundamental para a comunidade educativa dado o excepcional contexto, foi presentado polo seu departamento 8 meses despois da chegada do virus e aínda tivo que ser rectificado un mes despois co AVA (Atención Virtual do Alumnado).

“Esperemos que o plan dixital que anuncia agora sexa algo máis serio que os tres folios de texto que presentaron daquela como plan de ensino virtual para afrontar unha situación sen precedentes na comunidade educativa”, engadiu con severidade.

Lourenzo tamén criticou o “anunciado sistematicamente” como Plan de Reactivación Cultural, cando o PP votou en contra no Parlamento galego da declaración da cultura como ben esencial e “vén de votar tamén aquí en contra dunha lei galega de dereitos culturais”.

“Outro exemplo: gábanse dun orzamento de 9,6 millóns no Agadic e aínda non foron capaces de explicarnos nada ao respecto”, incidiu, para a continuación engadir que ese é o problema do Goberno de Feixóo, “que gastan máis tinta en redactar notas de prensa que en desenvolver os plans que anuncian”.

De igual xeito, reprobou o anuncio dun plan de financiamento para as universidades, cando o propio grupo parlamentario popular foi o negara durante a tramitación orzamentaria que a partida destinada a este fin fose ser prorrogada “e estamos cun orzamento prorrogado”. “Plan de Financiación de Universidades, si, pero dotado con recursos que van máis alá do que lles permite afrontar os gastos ordinarios do sistema universitario”, recalcou.

Sobre normalización lingüística, o deputado nacionalista desmontou as liñas presentadas pola consellería recordando que o PP acaba de vetar en dúas ocasións a comparecencia no Parlamento das organizacións que asinaron a proposta de bases para a normalización lingüística no ensino; que o seu proxecto estrela no ámbito cultural foi destinar 1,5 millóns a unha produción audiovisual sobre o Camiño que pode ser visualizada en infinidade de idiomas menos en galego; e que avogue agora como sempre defendeu o BNG por avanzar nos lazos coa lusofonía mentres hai Escolas de Idiomas do país que non inclúen a lingua na súa oferta.

Lourenzo rematou a súa intervención recordando que o 24% do alumnado galego usa pouco ou non usa a lingua galega e pediu que non se empregue a cuestión lingüística “para polemizar e sumarse a intereses partidistas”. “É unha irresponsabilidade que non nos podemos permitir”, subliñou logo de recordar que “quen está dicindo que é necesario implementar medidas de inmersión lingüística na comunidade educativa son axentes tan sumamente perigosos e radicais como a Unesco e o Consello de Europa”.

“A ese nivel está a chegar o PP nunha estratexia de radicalización e de competir non se sabe moi ben por que espazos electorais empregando unha lingua milenaria”, advertiu, para concluír pedindo á bancada popular que “cando menos na defensa do galego, non se sumen a ese carro porque é o carro da negación, do odio e daqueles que sistematicamente dedican o seu tempo a acabar coa lingua galega”.
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG