O BNG tacha de “cambalache”o acordo de PP-PSOE e AGE para designar os padróns da Fundación de ABANCA

O BNG tacha de “cambalache”o acordo de PP-PSOE e AGE para designar os padróns da Fundación de ABANCA

Francisco Jorquera amosa a súa protesta na Xunta de portavoces e acusa ao Parlamento de impedir o debate e aprobación dos padróns designados

Francisco Jorquera

O portavoz do grupo parlamentar do BNG, Francisco Jorquera amosou hoxe a “súa enérxica protesta” na Xunta de portavoces ante a pretensión, froito dun acordo entre PP-PSOE e AGE, de que sexa a Mesa do Parlamento o vindeiro luns a que designe os catro padróns da Obra Social das antigas caixas, despois de que os grupos parlamentares fagan as súas propostas pero sen posibilidade de debate e votación en pleno.

O portavoz parlamentario cualificou este proceder de “cambalache e componenda” contrario ao que a cidadanía demanda que é “que as cousas se fagan con transparencia e con luz e taquígrafos”.

Francisco Jorquera considera que a Fundación Obra Social, “nace con mal pé” e a ABANCA ostentará unha posición preponderante e a obra Social e patrimonio das antigas caixas será controlado por un Banco Venezolano.

Tras a Xunta de Portavoces, Jorquera manifestou a súa protesta ante o anuncio, por parte da Presidenta da Mesa, Pilar Rojo sobre o escrito cursado polos grupos do PP-PSOE e AGE para activar a designación de padróns por Parte do Parlamento galego da Fundación Obra Social. O escrito propón que sexan comunicadas as propostas do grupo e sexa a Mesa quen os designe sen posibilidade de “debate e votación” no pleno na Cámara galega.

Comparecencia de Jorquera tras a Xunta de portavoces

Neste sentido, dixo, o BNG fixo constar a súa “enérxica protesta” ante un “cambalache e componenda” que anula ao Parlamento e fai que unha decisión tan importante sexa tomada por un órgano “non político” imposibilitando o seu debate de votación.

A cidadanía reproba estas “componendas” e que se denigre a máxima representación dos cidadáns nunha institución como o Parlamento galego.