Congreso

O BNG solicitou ao Goberno que interveña para garantir a continuidade da produción de Alcoa San Cibrao

Néstor Rego
Néstor Rego
Néstor Rego advertiu que a medida anunciada pola multinacional Alcoa San Cibrao de non rebrascar as cubas vai implicar perda de emprego e pode producir consecuencias negativas na economía de toda a comarca.

O deputado nacionalista, Néstor Rego, solicitou ao Goberno que interveña para evitar que a multinacional Alcoa retire da liña de produción as cubas que están sen rebrascar e que, en caso de non o facer, chegan ao final da súa vida útil. O obxectivo é recuperar a plena capacidade de produción e así conseguir que ningún traballador e traballadora das empresas auxiliares perda o seu posto de traballo.

“Consideramos necesaria a intervención do Goberno para evitar que se deixe morrer a factoría, logrando que esta recupere o cen por cen da súa actividade” salienta Rego, que engade que desta forma conseguirase ademais “contribuír para que a economía de toda a comarca se manteña”.

O portavoz nacionalista destacou que “esta empresa xa ten solicitado un ERTE para cincuenta traballadores e traballadoras das auxiliares”, e agora está implementando unha práctica de “non rebrascar as cubas que chegan ao final da súa vida útil”. Ao non reparar e volver a pór en funcionamiento estas cubas, redúcense as liñas de produción e con iso, “os primeiros perxudicados serán os traballadores e traballadoras das empresas auxiliares” subliña Néstor Rego. 

O BNG advertiu o Goberno que a medida anunciada pola empresa de non rebrascar as cubas, se non for modificada, pode producir consecuencias moi negativas na produción da factoría, nos postos de traballo e na economía de toda a comarca.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG