congreso

BNG solicita crear unha Comisión de Investigación sobre as irregularidades de Juan Carlos de Borbón

Néstor Rego
Néstor Rego
A solicitude de Comisión parlamentaria foi presentada por 9 forzas políticas soberanistas e republicanas por mor das novas informacións sobre presuntas ilegalidades e irregularidades cometidas por membros da Casa Real.

Bloque Nacionalista Galego (BNG), conxuntamente con EH Bildu, Junts, ERC, CUP, PNV, PdeCAT, Máis País e Compromís, rexistrou unha nova proposta de creación de Comisión Parlamentaria de Investigación relativa á trama vinculada ás presuntas ilegalidades e irregularidades cometidas por membros da Casa Real e as influencias políticas, diplomáticas e comerciais con Arabia Saudita.

As informacións sobre a vinculación de Juan Carlos de Borbón co cobro de comisións da contratación do AVE á Meca, o uso das chamadas “tarxetas black”, a existencia de contas en Suíza ou as recentes declaracións ante as autoridades tributarias para regularizar primeiro máis de 600.000 euros e agora outros 4 millóns, esixen unha investigación para determinar as responsabilidades políticas -e a partir de aí as penais que puidesen derivarse na vía xudicial- en relación de prácticas corruptas vinculadas á Xefatura do Estado.

En palabras do deputado do BNG, Néstor Rego, trátase de “coñecer as actividades de Juan Carlos de Borbón presuntamente corruptas e irregulares a partir das novas informacións sobre regularización en Facenda de máis de 4 Millóns de euros. Queremos saber de onde procede ese diñeiro e que se aclare todo tipo de prácticas corruptas asociadas á Xefatura de Estado”.

Rego lembra que as forzas soberanistas solicitaron o pasado venres a comparecencia no Congreso tanto da Ministra de Facenda, como do director da Axencia Tributaria e o Fiscal Xefe Anticorrupción “para que expliquen as actuacións que estes organismos puideron levar a cabo -ou non- para esclarecer esas actividades irregulares”.

A formación nacionalista, tras as reiteradas negativas da Mesa do Congreso para investigar a corrupción real apela aos partidos do Goberno para que cambien de actitude. “É necesario investigar e por iso chamamos ás principais forzas políticas, empezando polo Partido Socialista, a que deixen de bloquear na Mesa do Congreso as Comisións de Investigación sobre a corrupción asociada á casa real” destaca Rego Candamil.

Hai que lembrar que, a día de hoxe, o Rei emérito goza da condición de aforado grazas ás modificacións introducidas no ordenamento xurídico aparelladas coa abdicación real en 2014 e a fin e a efecto de “protexer” á figura do Rei emérito por non estar baixo a cobertura constitucional da inviolabilidade unha vez deixado o cargo de xefe do Estado. Recentemente o Congreso dos Deputados debateu e rexeitou -cos votos do principal partido do Goberno- unha Proposición non de Lei en que se instaba ás modificacións legais pertinentes para eliminar a figura da inviolabilidade e a “especial protección” legal dos membros da casa Real, algo que o BNG considera necesario.

“Hai unha semana mostrabamos o noso rexeitamento ao acto de celebración do 23- F que supoñía o branqueamento da monarquía anacrónica e corrupta e especialmente de fuxido Juan Carlos de Borbón. Hoxe reiteramos a necesidade de investigar, pero tamén de pasar páxina, deixando atrás un modelo monárquico que é incompatible cun sistema verdadeiramente democrático no que a Xefatura do Estado debe ser elixida polo conxunto da cidadanía.” sinala o deputado do BNG, Néstor Rego.

Desde o BNG e o resto de forzas soberanistas sinalan que “o cambio real no seo do Estado español virá, precisamente, dos procesos soberanistas en cada unha das nosas nacións porque iso é a garantía de defensa de democracia e de xustiza social para todos os pobos do Estado”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG