O BNG rexistra no Parlamento a comparecencia do comité de Ferroatlántica

ANAPONTON REPRESENTANTE TRABALLADORES FERROATLANTICA
  • Ana Pontón, que esta tarde se reúne cos representantes dos e das traballadoras, denuncia a opacidade da Xunta que non enviou ao Parlamento a documentación presentada pola multinacional

A portavoz nacional, Ana Pontón, comunicou aos representantes dos e das traballadoras de Ferroatlántica a formalización da solicitude de comparecencia do comité de empresa na Comisión de Industria do Parlamento, para explicar a súa oposición fronte á pretensión da multinacional de segregar e vender as centrais dos ríos Xallas e Grande dando un “pelotazo” de 255 millóns de euros que se destinarán a pagar débeda do grupo fora de Galiza.

A dirixente do Bloque, que esta tarde mantén un encontro con membros do cadro de persoal no Concello de CEE xunto coa portavoz parlamentaria de Industria, Noa Presas, transmite o total apoio do BNG ás súas demandas en contra desa venda especulativa que pretende o empresario madrileño Villar Mir, agora investigado por suposto financiamento ilegal do PP na Operación Lezo.

“Igual que os traballadores e as traballadoras, igual que a maioría da Costa da Morte e igual que os alcaldes da comarca pensamos que o único salvavidas para os 300 empregos nas plantas de Cee e Dumbría son as centrais eléctricas e a súa vinculación coa actividade industrial”, arguementa Pontón.

E, neste sentido, dixo que se Feijóo autoriza a venda das centrais “asina a liquidación das plantas e de 300 postos de traballo, e da luz verde a que un investigado polo financiamento do seu partido político dea un pelotazo a costa de Galiza”.

Pontón denunciou a opacidade coa que a Xunta actúa neste asunto, de tal xeito que aínda non enviou ao Parlamento a documentación presentada pola multinacional para xustificar a súa venta especulativa, “detrás da que só hai o intento de Villar Mir de beneficiarse de recursos públicos de todos e de todas para facer caixa e liquidar débeda do seu grupo fora de Galiza”.

Esa falta de transparencia tamén se evidencia na falta de información aos representantes dos e das traballadoras tras a reunión mantida co conselleiro de Industria.

“Tras meses ignorando ao comité de empresa, accede a un encontro para despregar a mesma ambigüidade calculada mostrada por Feijóo ao longo de todo o proceso”, criticou Pontón, quen confía en obter unha resposta clara do presidente da Xunta na sesión de control do próximo pleno onde lle preguntará ao xefe do Executivo galego cal é a posición do seu Goberno ante as pretensión do imputado Villar Mir.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG