Parlamento Europeo

O BNG rexeita que a UE se divida en países de primeira e de segunda para facer fronte á crise económica do coronavirus

Ana Miranda
Ana Miranda
Ana Miranda defende a activación de mecanismos de solidariedade europeos e a mobilización do orzamento de 2020 non comprometido

A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, critica as escasas medidas acordadas onte polo Eurogrupo para impulsar as economías dos Estados máis afectados polo COVID19, baseadas sobre todo en préstamos. Ao seu xuízo eses instrumentos son escasos para paliar a terrible situación económica actual e poden ter como consecuencia a creación dunha división entre países de primeira e de segunda e pola contra defende a mobilizar o orzamento para o 2020 non comprometido e ampliar o límite orzamentario do Marco Financeiro Plurianual - MMF ao 1,30% do PIB.

Ana Miranda considera que a fractura entre países de primeira e de segunda, en lugar de solucionar a crise, afondaría máis nos problemas de destrución de emprego e desigualdade social. “Estamos ante unha crise cuxa causa é excepcional, polo que as medidas para afrontala tamén teñen que ser excepcionais”, salienta, ao tempo que defende a necesidade de activar mecanismos de solidariedade a nivel europeo.

“Tal e como vimos denunciando nas últimas semanas, o problema da Unión Europea radica na súa incapacidade para tomar decisións conxuntas e coordinadas que dean unha solución sanitaria, social e económica a actual situación”, denuncia Miranda, quen defende outro modelo de Europa, baseado na solidariedade e a coordinación fronte ao egoísmo dalgúns Estados tal e como se ven amosando nas últimas semanas. Neste sentido considera que os Estados máis afectados como o español “non teñen que sufrir recortes do crédito en vez de axudar no impacto económico que vai ter a pandemia”.

Fondo europeo para impulsar a recuperación

Segundo destaca o BNG precísase un fondo europeo que impulse a recuperación económica pois segundo sinala Ana Miranda “igual que foron capaces de chegar a un acordo para superar o Pacto de Estabilidade e Crecemento Económico coa superación do límite do déficit orzamentario, a UE ten que decidir medidas claras e contundentes”.

Ao respecto Miranda salienta que se precisan “medidas coordinadas que impidan despedimentos en masa, que eviten a austeridade e que vaian dirixidas ás persoas e colectivos máis vulnerables”, polo que considera que é imprescindible mobilizar o orzamento para o 2020 non comprometido, para flexibilizar 4 billóns de euros, ampliar o límite orzamentario do Marco Financeiro Plurianual - MMF ao 1,30% do PIB.

“Cómpre a mobilización de forma flexible dos Fondos de Cohesión para accións urxentes como adquirir material sanitario, axudas a autónomos e traballadores e traballadoras, e sobre todo para familias sen recursos”, afirmou a portavoz do BNG en Europa.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG