parlamento galego

BNG rexeita o Plan Forestal da Xunta que entrega os montes galegos ao eucalipto e hipoteca o “noso futuro para sempre”

María Albert
María Albert
María Albert indícalle ao PP que aínda está a tempo de retirar o texto ata ter un inventario forestal e planificar máis aló do beneficio duns poucos

“Este Plan Forestal está feito por e para a recepción de fondos dos PDR (Programas de Desenvolvemento Rural da UE) e co obxectivo último de poñer eses fondos europeos en mans do sector do eucalipto”. Con esta contundencia manifestou a portavoz nacionalista de Montes, María Albert, a oposición do BNG á primeira revisión do plan presentado pola Xunta que perpetúa un modelo baseado no monocultivo eucaliptal, carece de planificación, xa que nin sequera dispón dun inventario forestal actualizado, e hipoteca “o noso futuro para sempre”.

Albert advertiu de que a intención do Goberno do PP é “continuar a meter fondos, neste caso europeos”, sen planificar nin modular un modelo de monte alternativo, rico en biodiversidade “e que non converta a Galiza nun eucaliptal dende a costa até os montes de Trevinca”. Neste sentido, acusou ao Executivo de Feixóo de disfrazar o texto coa trampa da “neutralidade carbónica” reducindo o concepto a simple titular sen desenvolver medida algunha neste ámbito de actuación.

A deputada nacionalista exixiu á Xunta que aplique políticas que abunden na resiliencia real do monte, na súa capacidade de supervivencia e adaptación ás agresións dos lumes, ao paso do tempo á acción do ser humano e ao uso produtivista do territorio. “No o di esta deputada -recalcou- dino as técnicas do sector e todas as organizacións de montes, sindicais, ecoloxistas, asociativas e sociais que están manifestándose fronte a este Parlamento”, en referencia ás protestas contra o texto do PP.

De igual xeito, criticou que o plan inclúa unha falsa redución do 5% da superficie de eucalipto mesmo desenvolvéndose sen inventario forestal: “esta vez si que son pioneiros ao querer aprobar un plan forestal sen saber que teñen non monte!”, recriminou para engadir a continuación que “hai empresas encantadas co feito de que este sexa un plan tan ‘flexible’ como venden”. A este respecto lembrou que o Executivo galego se reserva a posibilidade de aumentar até un 3% de eucalipto nun primeiro quinquenio do plan cando recoñece ao tempo que non sabe canto eucalipto hai hoxe en día. “Entón, cantas hectáreas supón ese 3%? Onde si e onde non? Con que criterios?”, reprobou.

“Estivemos a punto de crer que o PP por fin ía mudar a súa forma esquilmadora de entender os nosos montes, pero despois aparece o presidente da Xunta e di que hai que aumentar as cortas de madeira dos 9 millóns de metros cúbicos actuais até os 12 millóns e quitounos a debilidade de golpe”, explicou, para concluír advertindo que “aquí é onde reside o quid da cuestión”.

Albert negou a idea propagada pola Administración Feixóo de que este plan é o exposto en 2018 pero mellorado, e afirmou que estamos ante un novo plan, como o demostra o feito de que fixera unha modificación de lei para evitar agora os trámites de exposición pública, proceso participativo e avaliación ambiental estratéxica. “Se era o mesmo proceso, para que era necesario modificar a norma na lei de acompañamento aos orzamentos? Porque non é o mesmo plan”, censurou, logo de afear ao PP que furtara deste xeito o necesario debate social.

Así pois, a portavoz nacionalista de Montes reclamou a retirada do documento ata dispor dun inventario forestal actualizado e da apertura dun proceso participativo. “Están a tempo de facer as cousas ben; escoiten a todas as voces do sector más aló dunha parte da industria; planifiquen, aínda que sexa por unha vez, máis aló do beneficio económico duns poucos e pensen non país”, concluíu.   
 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG