parlamento galego

BNG rexeita o Plan Forestal da Xunta por carecer dun modelo para o monte e poñelo a disposición dun grupo de empresas

María González Albert
María González Albert
María Albert recrimina ao PP que manteña a dinámica imparable do eucalipto e trate de branquealo coa gran mentira da neutralidade carbónica  

BNG rexeita o Plan Forestal de Galiza presentado pola Xunta por carecer de ordenación e dun modelo de monte e por concibilo como unha ferramenta posta a disposición dun grupo de empresas para o seu beneficio económico, tal e como explicou a deputada María González Albert, logo da exposición do plan na Comisión de Agricultura do Parlamento.

González Albert recriminou ao Executivo galego a falta de planificación do documento que, segundo recalcou, queda reducido a mero plan sectorial. “Un plan forestal constrúese sobre unha estratexia forestal, esta deriva nun plan forestal e este planifica os plans de ordenación de recursos forestais e aquí non se fai esta ordenación”, afeou para a continuación recalcar a falta de ordenación estratéxica. “Non hai un modelo de monte e ademais renúnciase a telo”, subliñou.    

Para a portavoz nacionalista de Montes, o plan carece ademais dunha radiografía da situación actual. “Se non se sabe o que se ten, como se ordena?”, criticou logo de reprochar ao Goberno do PP que anuncie unha rebaixa do 5% da superficie de eucalipto sen saber cal é a superficie real actual que hai desta especie.

Neste sentido, incidiu na ausencia de delimitación dos recursos forestais e de mecanismos de ordenación sobre as plantacións, o que fai incontrolable onde e como se pode plantar. “A dinámica do eucalipto actual é imparable e non se lle pon remedio”, recalcou, antes de cualificar a denominada “neutralidade carbónica” como a gran mentira coa que a Xunta está a vender o plan e coa que pretende tapar a mala imaxe do eucalipto.    

María Albert acusou ao Executivo de Feixóo de pretender que o rural e o monte galegos continúen a ser “fonte de materia prima barata para algunhas empresas” e, logo de repasar os últimos anuncios do presidente da Xunta no ámbito forestal, concluír: “van usar o noso monte para inzalo, aínda máis, de madeira barata e, alí onde non sexa apto para iso, colocarán aeroxeneradores. Vainos quedar un país precioso”.

A deputada tamén criticou a falta de criterios consensuados no documento a nivel produtivo, económico, social e de conservación da diversidade que permitira concibir o monte coma “unha fonte de bens e servizos que vai moito máis aló do ben madeira”. “Retiren este plan, agarden primeiro a contar cun inventario en condicións, ábrano ao debate social e, sobre todo, non hipotequen o noso país para sempre polo beneficio económico de catro ou cinco empresas porque aínda que poida soar manido, o diñeiro non se come”, concluíu.
 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG