PARLAMENTO GALEGO

O BNG rexeita a modificación da Lei de Saúde ao limitar e suspender dereitos fundamentais de xeito ordinario

Montse Prado
Montse Prado

Montse Prado critica un cambio normativo que abre a porta á discrecionalidade administrativa e deriva responsabilidades á cidadanía

O BNG rexeita a modificación da Lei de Saúde ao limitar e suspender dereitos fundamentais de xeito ordinario

O BNG rexeita a modificación da Lei de Saúde presentada polo Goberno de Feixóo no Parlamento galego ao considerala “coercitiva” dado que o que incorpora é realmente un recorte de dereitos e liberdades fundamentais e un réxime sancionador de contías “obscenas” co obxectivo de fortalecer “o relato da responsabilidade individual, como se a situación fora responsabilidade dos incumprimentos da sociedade galega”.

A portavoz nacionalista de Sanidade, Montserrat Prado, criticou un cambio normativo que deriva a responsabilidade cara os galegos e galegas, mentres a Xunta non asume as súas “para que pareza un problema persoal ou individual o que debe ser colectivo” e ocultar deste xeito que “na sanidade, nos servizos sociais, no ensino ou no emprego, os resultados dependen do investimento social, económico e político que se realice”.

“O PP impulsa unha lei de medidas coercitivas, unha lei ordinaria que contempla restricións, limitacións e suspensións de dereitos fundamentais que só deben poder acometerse con carácter totalmente extraordinario”, advertiu para a continuación subliñar que o texto non concreta límites temporais na vixencia das medidas e deixa a porta aberta á discrecionalidade da Administración na súa aplicación por múltiples indefinicións.

“É inasumíbel que se restrinxan de forma tan absoluta dereitos fundamentais a base de indeterminacións que van quedar á discrecionalidade da autoridade de turno e como un mecanismo normalizado a adoptar cando se considere oportuno por quen lle corresponda”, recalcou logo de recalcar que a modificación lexislativa abre a porta á inseguridade xurídica. “Para asegurar un nivel elevado de protección, di a lei; que é isto? Cal é ese nivel?”, exemplificou.

Despois de denunciar que a lei non articula ningún mecanismo de control sobre a Xunta, “un auténtico despropósito en termos democráticos”, afirmou, Prado recriminou ao PP a ausencia de medidas no novo texto que permitan rectificar “a folla de ruta de demolición da sanidade”. “O PP fala da necesidade de ter instrumentos para loitar con eficacia contra a pandemia e os seus instrumentos estrela son sancionar, multar e vixiar aos galegos e galegas”, incidiu.    

Neste sentido, reprochou que na modificación introducida polo Goberno de Feixóo non se incorporen mecanismos de anticipación e planificación, así como tampouco de reforzo, nin en canto á Atención Primaria, nin en canto á detección precoz e o sistema de rastrexo, nin en canto á medicina preventiva. “Esta modificación non contempla ningunha das cuestións fundamentais para loitar contra unha pandemia”, resumiu.

Pola contra, o texto atende de xeito rechamante á súa vertente sancionadora tal e como advertiu a deputada nacionalista. “As palabras chave son restricións, sancións e multas. Vinte páxinas destinadas ao réxime sancionador, máis de 70 veces se cita a palabra sanción”, resaltou logo de cualificar como “obscenas” as contías das multas, dada a situación económica da cidadanía e de moitas empresas pequenas, e denunciar que as competencias sancionadoras recaen nos concellos, nunha maior parte sen capacidade para a súa xestión e tramitación.  

“O cambio de lei non pretende mellorar a saúde da poboación, senón incrementar e impoñer medidas sanitarias adoptadas sen transparencia e en base a criterios descoñecidos”, concluíu Prado.

 

O BNG rexeita a modificación da Lei de Saúde ao limitar e suspender dereitos fundamentais de xeito ordinario