O BNG rexeita a Lei de Transparencia por excluir a Casa Real, Banco de España e Igrexa católica

A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, interviu no Pleno para expresar o rexeitamento dos nacionalistas galegos á Lei de Transparencia

Davila tildou a Lei presentada pola Vicepresidenta do Goberno, Soraya Sáenz de Santamaría, de “modelo desfasado e lonxe das aspiracións sociais. Un modelo anquilosado, que habilita soportes para difundir determinados aspeitos da xestión pública, restrinxidamente e sen avanzar cara un modelo que permita fiscalizar as decisión políticas por parte da cidadanía”. Criticou a deputada do BNG que o dereito de información non se plantexe como un dereito real e pleno de acceso á información. “Non se plantexa como un dereito fundamental que poida ser exercitado por calquer persoa”.

Concluiu que o dereito á información “permanece cautivo”. A capacidade dos cidadáns para coñecer as decisións que lles afectan está condicionado “á sensibilidade do Goberno de turno”.

Deben estar toda as institucións e entidades financiadas púbilcamente

Enfatizou especialmente que se deixe fóra do seu ámbito de aplicación a importantes institucións e organismos con financiamento público. “Sorprende que se exclúa a institucións como a Casa Real o Banco de España. Ou entidades que se xestionan na súa maior parte con fondos públicos, como a Igrexa católica ou a banca nacionalizada”.

Outra eiva salientábel, afirmou, é que eluda avanzar no réxime de incompatibilidades para evitar as “portas xiratorias”, o ir e vir entre a esfera das responsabilidades públicas e privadas”. Por último, a deputada do BNG reprochou a Soraya Sáenz de Santamaría que pretendan “facer unha extensión competencial impropia deste réxime de transparencia a outras administracións”.

Davila aludiu á apelación ao consenso que a Vicepresidenta do Goberno fixo na súa intervención, enfatizando que “nos resulta dificil acreditar neste Goberno que abusa da fórmula de aprobación de Reais Decretos exprés” para aprobar reformas profundas, e “cuxo máximo representante, o Señor Rajoy, apenas comparece periodicamente antes os medios para explicar as súas decisións políticas”.

“Non dubidamos de que vaian contemplar algunhas cuestións pero haberá que ver cal vai ser a fórmula porque seguro que non é a que reclama a sociedade”, rematou a deputada do BNG.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG