O BNG rexeita a lei da administración dixital por privatizadora e segregacionista

Luís Bará
Luís Bará

Bará advirte que afonda a fenda dixital creando galegos de primeira e de segunda no acceso á sociedade da información e do coñecemento

Acusa ao PP de crear un “gran chiringo” dixital que favorece a multinacionais como Microsoft e a empresas vinculas ao financiamento ilegal do PP como INDRA

O BNG non apoiou a Lei de Administración Dixital aprobada en solitario polo PP porque significa unha privatización da administración pública e porque afonda na fenda dixital creando cidadáns de primeira e de segunda. O deputado Luís Bará sintetiza os argumentos para o voto en contra do grupo nacionalista ao texto elaborado polo Goberno de Feixóo.

“Por ser unha lei privatizadora que pon á Administración galega en mans de multinacionais americanas (Microsoft) que obteñen beneficios millonarios mentres deixan as migallas para o tecido empresarial local, porque non garante o acceso á sociedade da información e do coñecemento a toda a poboación como un dereito básico e universal. Por contra, afonda na fenda dixital e na división social e territorial do país, entre cidadáns de primeira e de segunda no acceso a redes competitivas e, finalmente, porque sitúa a Galiza no furgón de cola no Estado e en Europa en materia de dixitalización”, argumentou.

O Bloque considera especialmente grave a trama de intereses creada arredor da dixitalización da Administración galega, con ANTEGA actuando como “auténtico cabalo de Troia” a favor das multinacionais que teñen centos de traballadores e traballadoras “incrustados” no sector público xerando unha dependencia tecnolóxica que as perpetúa e dando lugar a unha privatización “a marchas forzadas”.

Galiza é a última do Estado en canto a uso de internet, denunciou o deputado nacionalista, dato que “desmonta toda a propaganda de Feixóo cando anunciou que se acabara a fenda dixital no medio rural”, pero os datos demostran que non é así e “estamos ante unha lei que deixa a unha parte da poboación atrás, unha lei discriminatoria, excluínte e segregacionista”, recalcou.

Bará alerta sobre o feito de que estas empresa xestionan servizos estratéxicos como a administración de xustiza, servizos de saúde, ensino, servizos sociais ou a propia administración central do Goberno galego, “están construíndo un gran chiringo privatizador”. Ademais da presenza de Microsoft, outra empresa protagonista neste proceso privatizador é Indra, vinculada ao financiamento ilegal do PP, “investigada nas tramas de corrupción como a Púnica ou Lezo”. Indra ten problemas par xustificar máis dun millón de euros a caixa B do PP, rezaba un titular de prensa esgrimido por Bará durante a súa intervención.

Indra, xunto coas empresas Atos e Everis, suman máis de 500 contratos nos últimos cinco anos, as tres sancionadas pola Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia por crear un cartel para pactar prezos e intercambiar información para encarecer a contratación pública, “para que despois veña o PP e dicirnos que aforran cartos”, ironizou Bará. “Entre todas elas xa controlan media administración galega”, advertiu o deputado tras enumerar algúns dos múltiples contratos adxudicados.

“Son parasitarias da Administración á que xeran unha dependencia tecnolóxica que lles permite perpetuarse a medida que van sendo adxudicatarias de contratos”, advertiu, “sempre as mesas empresas para os mesmos servizos con contratos de adxudicación directa ou con fragmentación de contratos. Crean unha administración paralela”.

Ademais deste entramado de empresas dixitais, o Bloque denuncia o peso da multinacional Microsoft na dixitalización da administración, -en particular no ensino-, despois de que o Goberno de Feixóo fixera unha aposta polo software privado en detrimento do libre.

“Con iso,  facilita o negocio desta multinacional prexudicando os intereses do tecido empresarial galego, e todo iso utilizando o ensino público a través do alumnado e docentes con 240.000 potenciais clientes”, e sen que haxa garantía da preservación de datos persoais, ademais de xerar dependencia tecnolóxica dunha multinacional de EEUU, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG