Congreso

O BNG rexeita a incautación dos fondos municipais por parte do Goberno español

Néstor Rego
Néstor Rego

Néstor Rego salientou que é precisamente no ámbito local onde máis necesaria e efectiva pode ser unha inxección de recursos que permita aos concellos atender as enormes necesidades de protección social.

O deputado nacionalista instou a derrogar a Lei Montoro, como xa solicitara no pasado mes de xullo a través dunha PNL, para permitir aos concellos utilizar os seus remanentes no momento en que máis as precisan.

O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, trasladou durante a súa comparecencia na Comisión de Facenda, o rexeitamento taxativo por parte do BNG da pretensión do Goberno español de apropiarse dos recursos aforrados polos concellos galegos.

A xuízo dos nacionalistas, esta medida supón unha auténtica incautación por parte do Estado de recursos dos municipios. Néstor Rego salientou que “non dubidamos da necesidade de fondos nestes momentos de crise sanitaria e socio-económica”, mais engadiu que “sabemos que é precisamente no ámbito local onde máis necesaria e efectiva pode ser unha inxección de recursos que permita aos concellos atender as enormes necesidades de protección social” acentuadas pola crise sanitaria e contribuír a reactivar a economía no ámbito local.

O BNG cualifica de inxusto o bloqueo dos remanentes municipais que castiga precisamente aos concellos que realizaron unha mellor xestión económica. O deputado nacionalista explicou que, no caso dos concellos galegos, a cantidade de remanentes estímase nuns 890 millóns de euros e cabe destacar que o índice de débeda sitúase, a 31 de decembro de 2019 en 0,3% do PIB galego, moi lonxe do 3% estabelecido. “Isto a pesar de que os criterios do sistema de financiamento das entidades locais prexudican gravemente a Galiza, onde os concellos ingresan 50 euros menos por habitante que no conxunto do Estado” destacou.

Néstor Rego instou a derrogar a Lei de Estabilidade Orzamentaria e Estabilidade Financeira, máis coñecida como Lei Montoro, como xa solicitara no Congreso o pasado mes de xullo a través dunha Proposición Non de Lei para permitir aos concellos utilizar os seus remanentes no momento en que máis as precisan.

O deputado nacionalista lembrou que a derrogación desta lei tamén a defendía o propio PSOE non hai moito tempo e criticou que agora que está no goberno, fai coa Lei Montoro o mesmo que fixo con outras normas da etapa dos gobernos antisociais do Partido Popular, como a Lei Mordaza ou a reforma laboral, aplicalas en lugar de derogalas.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG