O BNG rexeita o ditame da Comisión Forestal pactado por PP e PSOE por manter a mesma política pirómana

Mini Rivas
Mini Rivas

Mini Rivas: “Deixaron que o mundo rural se esfarelara poñendo o monte ao servizo do lobby da madeira de trituración, cando debe ser tratado como un ben colectivo patrimonio ecolóxico”

A alternativa do BNG propón a ordenación do monte en mosaico, superar a propiedade atomizada, moratoria para o eucalipto, profesionalización do servizo de prevención e extinción e a protección do monte en man común

O BNG rexeita o ditame da Comisión Forestal pactado por PP e PSOE por manter a mesma política pirómana

O BNG lamenta que o Goberno da Xunta deixe pasar a oportunidade de dar un xiro de 180 grados na ordenación e na posta en valor do monte para manter no esencial unha política forestal pirómana ao servizo do lobby da industria da madeira moída que, desde fai décadas, impoñen dúas empresas.

Por iso, o Bloque rexeitou o ditame da Comisión de política forestal e loita contra os incendios pactado entre PP e PSOE porque non da a resposta necesaria nin para loitar contra os lumes, -un problema ambiental que mesmo afecta á seguridade das persoas-, nin ofrece unha alternativa para ordenar o territorio apostando por un monte multifuncional e, por tanto, contribuír a frear o devalo do medio rural.

“O cerne do asunto do monte e dos incendios só pode atacarse con medidas que partan do monte coma un ben compartido, coma un patrimonio ecolóxico e social, e non dun concepto produtivista forestal intensivo”, salientou o portavoz de Agricultura, Xosé Luís Rivas, encargado de defender a posición do Bloque na comisión parlamentaria creada tras a vaga de lume de Outubro. “Deixaron que o mundo rural se esfarelara poñendo o monte ao servizo do lobby da madeira de trituración, cando debe ser tratado como un ben colectivo patrimonio ecolóxico”, denunciou.

A proposta do BNG está estruturada nunha serie de “eixes mestres” que definen o que debe ser  “unha política do monte moderna e acaída ao país que afaste a pantasma do lume e serva á sociedade”, subliñou Rivas.

Como claves desta alternativa os seguintes puntos. En primeiro lugar, ordenación das masas forestais en mosaico con bosques mixtos que avancen cara unha substitución progresiva de especies combustibles por caducifolias, con masas continuas de monte que non superen as 50 hectáreas e as 20 en zonas de alto risco de incendios.

En segundo lugar, potenciar o asociacionismo para superar a extrema atomización da propiedade do monte, pois iso facilita o seu aproveitamento multifuncional facendo que sexa rendible e polo tanto facilitaría tamén que se executasen as imprescindibles franxas de protección. Rivas sinalou que as unidades de xestión forestal, -UXFOR-, son unha ferramenta útil nesa dirección, que xa foron postas en marcha con éxito polo BNG no Goberno bipartito, “e suprimidas despois polo PP por revanchismo”.

Acabar co polvorín

Como terceira proposta, o Bloque demanda unha moratoria na plantación de eucalipto en todo o territorio para delimitar que zonas son aptas e en cales debe quedar prohibido. Igualmente, inclúese a recuperación das 30.000 hectáreas de terras ilegalmente plantadas con esta especie e de todas as terras agrarias reforestadas.

Eixo básico é tamén a remodelación profunda do actual Servizo de prevención e extinción de incendios “que debe estar baixo mando único, ser 100% público, avanzar na profesionalización e formación e dar estabilidade laboral ao persoal”, explicou Rivas, desde a perspectiva de que a ordenación do territorio e a loita contra o lume é un traballo de todo o ano, ano tras ano, se queremos que Galiza deixe de ser un polvorín e poñer o monte ao servizo do país.

O Bloque inclúe nas súa proposta unha defensa clara dos montes veciñais  en man común “por tratarse dunha figura de propiedade comunitaria que debe ser protexida e impulsada”, alegou Rivas, ante o acoso actual a través da imposición de  “falsas débedas, investimentos obrigatorios e incautacións”. “Non aceptamos a estratexia PP-PSOE de converter estes montes en sociedades mercantís produtivistas no mercado forestal ao servizo exclusivo da madeira triturada”, recalcou.

Apagón da RTVG e responsabilidades políticas

Xunto con estas propostas que definen a alternativa do Bloque para ordenar o monte e loitar contra os lumes,  o portavoz nacionalista tamén aportou ao debate dúas cuestións clave pero ausentes no ditame de populares e socialistas: O apagón informativo da RTVG na vaga de lumes de outubro e as responsabilidades políticas por esa catástrofe.

No primeiro, Rivas denunciou que a radio e a televisión de Galiza  incumpriron a súa obriga de servizo público nas horas máis dramáticas e, na segunda cuestión, advertiu que é imposible un cambio de política “co mesmo timonel de fai 17 anos responsable do caos que hoxe hai no monte”.

“O noso Medio Rural ben merece unha oportunidade de vida e a mellor xestión fanna quenes viven en simbiose co medio, coñecedores del, que se senten parte dese medio, útiles nese medio, satisfeitos con ese medio. Fixar poboación nova que imprima dinamismo debe ser a meta. Ese é o reto que desde o BNG nos marcamos”, concluíu.