O BNG rexeita o acordo da FEMP que permite ao Estado quedarse co remanente de 1.300 M€ das administracións locais

Alcaldes e alcaldesas do BNG
Alcaldes e alcaldesas do BNG

Pide derrogar a Lei Montoro que o Goberno de Sánchez mantén como coartada para financiarse con recursos que son dos concellos galegos

Demanda unha nova Lei de Facendas Locais que acabe coa discriminación financeira dos municipios do país e negociación directa FEGAMP-Estado

O BNG rexeita o acordo da FEMP que permite ao Estado quedarse co remanente de 1.300 M€ das administracións locais

O BNG rexeita o acordo ao que chegou onte a FEMP e o Ministerio de Hacienda que lle permite ao Goberno do Estado quedarse co remanente dos concellos e das deputacións galegas que suma arredor de 1.300 millóns de euros, unha contía moi importante que as administracións locais consideran máis necesaria que nunca para poder atender a unha veciñanza afectada de cheo pola crise da COVID19.

Neste sentido, a formación que lidera Ana Pontón pide a derrogación inmediata da Lei Montoro, -e toda a lexislación posterior que impide aos concellos dispoñer dos seus aforros-, que o Goberno de Pedro Sánchez lonxe de finiquitar está utilizando como coartada para apropiarse dos recursos dos concellos para financiarse, nunha especie de mundo ao revés, no que en lugar de chegar fondos do Estado aos concellos para reactivación económica e social son estes os que actúan como unha especie de “banca” de Madrid.

“En realidade estamos ante unha utilización descarada da Lei Montoro para apropiarse do remante das administracións locais”, salienta Carme da Silva, responsable da área de Municipal da Executiva nacional, “con esta actuación o Goberno central usa a lexislación do PP en lugar de abolila nun novo exercicio de centralismo madrileño que penaliza a uns municipios galegos que xa son discriminados co actual modelo de financiamento pois reciben 50 € menos por habitante fronte a media estatal”.

Unha crítica na que incide o portavoz do BNG ante a FEGAMP, o rexedor de San Sadurniño, Secundino García: “o acordo non vai ao fondo da cuestión que é a derrogación da Lei Montoro que impide aos concellos utilizar o seu superávit e o seu remanente para atender ás necesidades da súa veciñanza”. E tamén deixa claro que debe ser esta entidade e non a estatal a que fixe a posición das administracións locais do país.

“É fundamental modificar a Lei de Facendas Locais porque estamos infrafinanciados, pero non podemos permitir que a defensa dos nosos intereses caia en mans da FEMP senón que ten que ser asumida directamente pola FEGAMP ante o Estado porque é a nosa lexitima representación e porque os concellos galegos temos unha singularidade propia determinada pola maneira de asentarse no territorio, o envellecemento, a dispersión todos eles son criterios que deben ser tidos en conta. Non vale unha proposta uniforme”, explicou García.

O BNG confía en que o acordo aprobado onte non sexa validado polo Congreso porque considera que, dunha vez por todas, as administración locais teñen que poder dispoñer dos seus aforros para poder utilizalos en beneficio da súa cidadanía en aquelas cuestións que en cada caso se consideren prioritarias, máxime nun contexto de crise económica e social. Esa será a posición do Bloque tanto na FEGAMP como ante a Cámara baixa.

 

O BNG rexeita o acordo da FEMP que permite ao Estado quedarse co remanente de 1.300 M€ das administracións locais