Xerais 2019

O BNG reúne en Vigo simpatizantes e militantes para coller pulo para a “campaña da remontada”

A portavoz nacional Ana Pontón protagonizará o mitin central do 24 de abril e pechará a campaña o día 26 nun acto matinal na cidade olívica

O Bloque Nacionalista Galego reuniu hoxe en Vigo a simpatizantes e militantes que participarán na campaña das xerais do 28 de abril para coller pulo para a “remontada” que permitirá que o BNG volva ter presenza nas Cortes do Estado en Madrid. O número dous da candidatura ao Congreso, o vigués Xesús López Carreira, asegurou a forza nacionalista pretende chegar á cidadanía co lema ‘Agora Galiza’ en máis de douscentos de actos que obrigarán á cabeza de lista Carme da Silva a percorrer máis de 6.000 quilómetros pola provincia.

López Carreira destacou que o obxectivo da campaña do BNG será explicar de forma directa a necesidade de que Galiza teña voz propia en Madrid e de que remate o agravio e ausencia aos que as forzas estatais teñen relegado o país durante os últimos anos. Segundo dixo, as forzas vascas, catalás, valencianas ou canarias estarán no Congreso representando os seus intereses, polo que é tempo de que unha forza galega condicione tamén as políticas e orzamentos do Estado en beneficio de Galiza. “É o momento de apostar polo BNG, a única forza que ten demostrado lealdade a Galiza e que ten marcado axenda propia cando eran deputados, por exemplo, Olaia Fernández Davila ou Guillerme Vázquez”, subliñou.

O número dous do BNG para o Congreso insistiu en que o país xógase moito o 28 de abril, e lembrou a situación da última lexislatura na que os orzamentos para Galiza sufriron recortes de ata o 20%, sendo os máis baixos dos últimos 17 anos. Neste sentido destacou que “tanto o goberno o PP como o do PSOE, coa conivencia de Podemos-En Marea maltrataron a galegas e galegos”.

En canto á campaña, o nacionalista cualificou a Carme da Silva como a mellor candidata posible, xa que coñece perfectamente os problemas vigueses e do resto da provincia que defenderá no Congreso: “Noutras forzas parece que houbo intercambio de cromos para ver quen ía por cada demarcación. Carme encabeza a equipa da casa, coñece a realidade da provincia e así o demostra en todos e cada un dos actos nos que participará en campaña e despois no Parlamento en Madrid”.

López manifestou que o BNG “vai lanzado” cara a Madrid e fixo un chamamento “a todas e todos aqueles que queren a Galiza” para sumarse ao proxecto do BNG xa que “é un proxecto bo para o país”. Neste sentido, salientou que a formación nacionalista está a percibir unha corrente de simpatía e de achegamento que se nota na rúa, nas novas altas de militancia, na asistencia a actos e tamén na elaboración das listas das municipais. “Iso trasladarase tamén aos resultados”, confiou.

O BNG ten organizados centos de actos de moi diferente tipoloxía, ben sectoriais ou territoriais, que estarán abertos á veciñanza. Tamén están mobilizados milleiros de axentes electorais, tanto militantes como simpatizantes, que traballarán na campaña de xeito altruísta na organización de eventos, mantendo contactos a pé de rúa, e na propia xornada electoral.

O acto principal en Vigo das eleccións xerais será o mércores 24, cun mitin central no que intervirá a portavoz nacional Ana Pontón, e a cabeza de lista ao Congreso Carme da Silva, entre outros. A campaña do BNG pecharase na cidade olívica coa presenza de Ana Pontón nun acto matinal o venres 26.

Vigo, determinante para recuperar a voz propia no Congreso

Pola súa banda, o candidato á Alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, manifestou durante o encontro que o BNG de Vigo encara as próximas citas electorais, tanto as xerais do 28A como as municipais e europeas do vindeiro 26 de maio “en plena forma”. Pérez Igrexas insistiu en que cada día é maior o número de viguesas e vigueses que volven confiar no BNG e ollar con ilusión cara un proxecto propositivo para mellorar a calidade de vida da xente e comprometido para defender os intereses de Galiza.

O candidato amosouse convencido de que os votos de Vigo van ser determinantes para garantir que Galiza recupere a voz propia e sen dependencia para defender os seus intereses a través do BNG. “Estamos seguras de que viguesas e vigueses van entender que a mellor maneira de defender os intereses da cidade é facendo deputada a Carme da Silva, garantindo a presenza do BNG no Congreso”, dixo.

“Constatamos que hai un apoio cada vez maior cara as propostas do BNG municipal. Hoxe estamos nas mellores condicións internas, cun BNG unido, cohesionado e unificado arredor dun proxecto ilusionante. Temos un programa con alternativa sólido e unha candidatura con persoas solventes. Iso fainos estar nas melloras condicións para confiarmos no retorno ao Pleno da Corporación e para que o BNG sexa forza determinante e decisiva para que Vigo avance e coloque ao Concello aos servizo de veciñas e veciños”, finalizou.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG