BNG e o resto de forzas soberanistas exixen “luz e taquígrafos” sobre o ocorrido no Golpe de estado do 23F

As formacións soberanistas denuncian a anomalía democrática que supón manter o réxime do 78 e instan o Goberno a facer os cambios lexislativos necesarios para dar a coñecer todo o material gardado sobre o 23 F.

Néstor Rego: “É hora de dar a coñecer todo o ocorrido en nome da verdade e a memoria democrática”.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, participou nun acto conxunto coa portavoz do Grupo Parlamentar EH Bildu, Mertxe Aizpurua, o portavoz do Grupo Republicano, Gabriel Rufián, a portavoz da CUP, Mireia Vehí, o deputado de JuntsxCat, Jaume Alonso-Cuevillas e o deputado de PdeCat, Genís Boadella. Neste acto, as formacións políticas anunciaron que levarán a debate unha iniciativa para desclasificar e dar a coñecer todos os arquivos para coñecer, con exactitude, os feitos vinculados ao Golpe de estado do 23 F.

Na lectura do manifesto conxunto “Pola república democrática. Llibertat. Dereitos. Errepublikak”, as forzas soberanistas trasladaron a súa oposición ao Réxime do 78 construído e apoiado nuns piares “que impiden que a sociedade galega, catalá e vasca, así como as clases populares deste Estado, avancemos cara a un escenario democrático baseado na liberdade nacional e a xustiza social”.

Neste 40 aniversario do Golpe de estado perpetrado co obxectivo de reforzar ao Estado e blindar os piares e valores do réxime establecido “vemos nas rúas o descontento social, a protesta fronte a estas taras democráticas que o Estado español leva décadas arrastrando”. As forzas soberanistas reafírmanse na idea de que unha “democratización real só será posible desde a ruptura coa herdanza, os privilexios, bases e valores que representa o Réxime do 78”.

“Hoxe rexistramos unha iniciativa conxunta para esixir que, 40 anos despois do 23 F, se coñezan con exactitude cada documento, cada gravación, cada información significativa que obre en poder do Estado español e que achegue luz e taquígrafos ao que de verdade ocorreu no Golpe do 23 F” sinalou Néstor Rego, deputado do BNG. Neste sentido, as organizacións asinantes instarán o Goberno do Estado para realizar os cambios lexislativos necesarios para desclasificar e dar a coñecer todos os “documentos escritos sonoros ou de vídeo” que permitan coñecer os feitos vinculados ao Golpe de estado do 23 F.

“É hora de coñecer todo o ocorrido en nome da verdade e da memoria democrática” salientou Rego. Así mesmo, os grupos independentistas e soberanistas reivindicaron os valores republicanos de “liberdade, igualdade e democracia” como vía para a democratización real. “Mentres o Estado español siga sustentado nos mesmos estamentos políticos, xudiciais, policiais e monárquicos á vez que non se recoñeza o dereito de autodeterminación e continúe habendo presos políticos, exiliados e represión, non existirá normalidade democrática neste Estado” advertiron o conxunto de forzas.

Rexeitamento polo acto en conmemoración do 23-F

O deputado do BNG criticou o que o acto que se levará a cabo “ten como obxectivo principal o branqueamento da monarquía. Desta monarquía anacrónica e corrupta”. Así mesmo recalcou na idea de que o Golpe de Estado artellado serviu “marcar os límites da democracia” e deixar claro que “militares e ex franquistas seguían sendo os gardiáns desa democracia que de ningunha maneira podía saír deses límites”.

“Desde as forzas soberanistas e republicanas estamos convencidos de que a mudanza real do Estado español vai vir precisamente dos procesos soberanistas en cada unha das nosas nacións porque iso é a garantía de defensa, de democracia e de xustiza social” concluíu Néstor Rego.
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG