O BNG responsabiliza a Sánchez Izquierdo da manipulación sen precedentes dunha CRTVG ao servizo de Feixóo

Noa Presas
Noa Presas

As protestas do persoal, a dimisión de profesionais, o apagón da información local nas cidades ou as sentenzas contra a dirección da CRTVG “mostran a degradación a que levou os medios públicos”

O BNG aproveitou a comparecencia do director da CRTVG no Parlamento para volver denunciar a manipulación da radio e da televisión públicas, así como o incumprimento da Lei de medios audiovisuais públicos de Galiza, que se plasma no feito de que o propio Alfonso Sánchez Izquierdo leve sete anos ocupando o seu cargo fora da legalidade, e que pezas clave como a creación dos consellos de redacción ou o estatuto d@ profesional segan nunha gabeta.

“Son  ferramentas fundamentais para garantir os dereitos dos e das profesionais da radio e da televisión públicas e, aínda así, un dos incumprimentos máis flagrantes da lei”, salientou a deputada Noa Presas na comisión parlamentaria da RTVG.

Salientou que os propios traballadores e traballadoras son as primeiras en denunciar “a falta de pluralidade e incumprimento dos principios inspiradores da CRTVG especialmente en relación á liña informativa”, como trasladan coas protestas dos xa coñecidos como “venres negros” ou coa dimisión dun presentador e dunha presentadora do telexornal para denunciar a manipulación, feito sen precedentes nos 33 anos de emisión da TVG.

A estas dimisións súmase a denuncia de manipulación expresadas por profesionais dos medios na emisión de reportaxes para suprimir contidos críticos co Goberno e co PP, o apagón informativo durante a dramática vaga de lumes, -a diferencia de televisión privadas que iniciaron moito antes que a TVG unha programación especial-,  ou a supresión dos informativos locais na cidades na radio galega a un ano das eleccións municipais.

Presas tamén denunciou a “bochornosa” cobertura dos medios públicos de novas de gran transcendencia social pero que afectaban de cheo ao PP, como o caso Gürtel ou a comparecencia xudicial do entón presidente do Goberno central Mariano Raxoi. Tamén lembrou a sentenza que condena a dirección da CRTVG por vulnerar os dereitos dunha traballadora durante a folga do 8 de Marzo, a condena por non respectar o dereito de conciliación dunha profesional ou a demanda interposta por unha redactora en prácticas por vulnerar os seus dereitos fundamentais. “E o que non saberemos”, indicou Presas, para sinalar que estes casos son, posiblemente, a punta do iceberg.

Fronte a vulneración de dereitos laborais dos e das profesionais que denuncian a manipulación ou por exercer os seus lexítimos dereitos laborais, o BNG contrapón a mención panexírica que a dirección da CRTVG que preside Sánchez Izquierdo fai ao director de A Crónica, quen nun artigo publicado no ABC lanzou todo tipo de insultos contra as forzas políticas da oposición e, sobre todo, contra a cidadanía galega por manifestarse contra o Goberno de Feixóo.

Para o BNG, os medios públicos tampouco compren coa súa obriga de promover a cultura galega nin a de contribuír á normalización da lingua, en particular entre a xente moza, “a que menos ve a TVG”.

Todos os feitos enumerados, subliño Presas, “proban o estado de dexeneración que ten acadado a CRTVG baixo o Goberno de Feixóo e baixo a súa dirección señor Sánchez Izquierdo”, ao tempo que recalcou que uns medios públicos veraces e plurais “son clave para ter unha sociedade libre e crítica”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG