BNG require a posta en liberdade do preso político palestino Ahmad Saadat

Ahmed Saadat. Foto: almayadeen.net
Ahmed Saadat. Foto: almayadeen.net

Néstor Rego demanda ao Goberno do Estado español que utilice as relacións diplomáticas e o resto de medios previstos no dereito internacional para exixir a Israel a liberación de todos os presos políticos palestinos

Denuncia a detención indiscriminada de palestinos e palestinos e a realización de xuízos sen ningún tipo de garantías

BNG require a posta en liberdade do preso político palestino Ahmad Saadat

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistra iniciativas na cámara baixa solicitando ao Goberno do Estado que reclame a posta en liberdade de Ahmad Saadat ao Goberno de Israel, así como todos os presos e presas políticas palestinas. A organización frentista demanda a intervención do executivo estatal para pór fin á represión israelí contra o pobo palestino, empregando todas as ferramentas admitidas no dereito internacional, a comezar pola utilización das relacións diplomáticas, para que Israel respecte as normas, disposicións e resolucións internacionais.

Na actualidade, máis de 4.500 palestinos e palestinas están retidos irregularmente en prisións israelís. A meirande parte destas persoas non tiveron un xuízo ou mesmo leváronse a cabo con ningún tipo de garantías. Unha práctica que se suma á detención, por parte da policía e o exército israelí, de civís palestinos durante semanas sen que chegue a materializarse algunha acusación formal contra eles.

“O caso de Ahmad Saadat forma parte dos numerosos casos irregulares levados a cabo polo Goberno do Estado de Israel. É deputado do Consello Nacional Palestino e Secretario xeral da FPLP, unha das principais organizacións políticas palestinas” explica o deputado do BNG no Congreso. Rego tamén lembra que Ahmaad leva vinte anos privado de liberdade e, durante todo este tempo, a súa detención “foi denunciada en repetidas ocasións a nivel internacional polas irregularidades no seu xuízo”.

De facto, a organización nacionalista denuncia que todos os cargos que se presentaron en contra de Ahmaad están baseadas en consideracións políticas. “Entre as entidades que exixiron a posta en liberdade do deputado do Consello Nacional Palestino atópase a Unión Parlamentaria- que agrupa a Parlamentos de máis de 170 estados- na que se atopa o Estado español” enfatiza Rego. O BNG súmase así á iniciativa da principal organización de apoio aos presos palestinos que está a por en marcha, entre o 15 e o 22 de xaneiro, unha semana de accións en solidariedade para reclamar a liberdade de Ahmad Sa’adat cando se cumpren 20 anos do seu encarceramento.

Por este motivo, Rego pide ao Goberno do Estado español que reclame a posta en liberdade de Ahmad Saadat. Esta solicitude faina extensiva a todas as persoas presas políticas palestinas, retidas de maneira irregular polo Estado de Israel. Así mesmo, o Goberno do Estado “debe intervir para pór fin á represión israelí contra o pobo palestino”.

“O executivo estatal ten que empregar todos os mecanismos e ferramentas posíbeis, a comezar polas relacións diplomáticas e o resto de medidas admitidas en dereito, para conseguir que Israel respecte as normas, as disposicións e resolucións internacionais respecto do conflito palestino” conclúe Néstor Rego.

 

BNG require a posta en liberdade do preso político palestino Ahmad Saadat