BNG reproba o proxecto de lei de áreas empresariais que facilita as “tramitacións exprés das empresas amigas do PP”

Alexandra Fernández
Alexandra Fernández
Alexandra Fernández tacha a nova norma de “chapuza xurídica” coa que a Xunta desregula e se reserva a potestade de reclasificar solo arbitrariamente

O BNG vén de rexeitar no Parlamento galego o proxecto de lei de áreas empresariais de Galiza, un proxecto que segundo advertiu a portavoz nacionalista de Ordenación do Territorio e Vivenda, Alexandra Fernández, é “unha auténtica chapuza xurídica” na que a Xunta se reserva a potestade de “saltarse alegremente” o Plan Sectorial que ordena as áreas empresariais, “cando queira e sen xustificación”, o que lle permite a reclasificación e a recualificación do solo, unha vía para facilitar “as tramitacións exprés das empresas amigas do PP”.

“Vostedes non empezaron a gobernar hoxe, temos unha experiencia de cal é o modus operandi do PP e cando vostedes abren as canles para saltarse os plans sectoriais sabemos en que dá, nunha tramitación exprés para as empresas amigas do PP”, reprobou, para exemplificar a continuación coa recente validación por parte do Executivo galego de dous parques eólicos non contemplados no Plan Sectorial solicitados por Greenalia, empresa en cuxo consello de administración se senta a exconselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato.

Logo de referirse no mesmo sentido ao “pelotazo urbanístico” de Carlos Mouriño en Mos que, logo do pronunciamento xudicial sobre a súa ilegalidade, a Xunta “arranxou pola mesma vía de excepción”, Fernández acusou ao PP de “estar utilizando estes mecanismos para engraxar as portas xiratorias, ensanchar as portas da corrupción e dos pelotazos e para vender o territorio a prezo de saldo”.

Segundo recalcou a deputada nacionalista durante a súa intervención, o proxecto de lei presentado polo Goberno galego non pretende avanzar, senón que se limita a desmontar procedementos e criterios de ordenación territorial. “É unha lei que non constrúe, senón que simplemente desregula, limitándose a desmontar procedementos e criterios de ordenación territorial e de participación”, resumiu despois de afear ao PP que só aceptara tres das 75 emendas parciais formuladas polo Bloque, o que volve certificar a súa “nula vontade de diálogo”.

Neste sentido, explicou que as emendas nacionalistas ían dirixidas precisamente a corrixir os aspectos máis lesivos da lei e a ofrecer un modelo realmente de futuro para as áreas empresariais. Sobre o primeiro aspecto, defendeu o mantemento dos prazos que se recollen na Lei de Ordenación do Territorio aprobada hai tan só un ano, fronte ao tesoirazo nos prazos de participación pública que recolle agora este proxecto de lei e que implica que os prazos de información pública e de audiencia ás deputacións e entidades locais queden limitados a apenas de 10 días hábiles. “Son vostedes unha apisonadora que vai destruíndo a participación pública ano tras ano, sen volver nunca atrás”, recriminou á bancada do PP.

Fernández rexeitou tamén a creación dunha nova figura que permite ao Consello da Xunta aprobar un proxecto de área empresarial “de forma arbitraria e sen someterse a criterios públicos e obxectivos”, os denominados Plans Estruturantes de Ordenación do solo empresarial, que se poderán desenvolver sen que estean previstos no Plan Sectorial de áreas empresariais, facilitando así, insistiu, “que as áreas empresariais para empresas amigas da Xunta se rexan por un sistema arbitraria e só as restantes queden ao abeiro do Plan Sectorial”.

Neste contexto e, en segundo lugar, a portavoz nacionalista de Ordenación do Territorio apostou por definir un modelo e estrutura de áreas empresariais que se proxecte a futuro, adecuando a tipoloxía e usos aos novos requirimentos que se están a producir polas mudanzas económicas e produtivas. Así, avogou por determinar cales son as áreas funcionais (conxunto de concellos que conforman os distintos mercados de traballo) do territorio galego e sobre elas, ordenar e planificar as áreas industriais.

De igual xeito, considerou preciso reforzar a cooperación territorial no marco da eurorrexión, así como o modelo de cooperación e complementariedade do propio sistema urbano galego, co fin de acadar vantaxes competitivas no contexto internacional, cuestión á que se referiu logo de advertir que cando o PP aborda a articulación das áreas empresariais coas distintas infraestruturas nin sequera menciona os portos. Ademais, Fernández tamén defendeu a definición de sectores de excelencia en base ao potencial do territorio e unha planificación da mobilidade avanzada.

A estratexia do PP de “chantaxe” aos concellos

Logo de avogar pola introdución dunha clasificación das distintas modalidades de áreas empresariais (parques tecnolóxicos, parques científicos e de innovación e áreas de usos mixtos ligados a contornas urbanas) que permitan asumir con eficiencia a planificación das distintas áreas e a súa óptima dotación, a deputada nacionalista criticou por último a estratexia do PP de “chantaxe” aos concellos, por exixirlles que deixen de cobrar impostos para favorecer a instalación de empresas -“e a maiores, se a empresa é amiga, unha tramitación rápida”, engadiu- con “cero investimento dende a Xunta”.

Fronte a isto, apostou por desenvolver un modelo de competencia xusto e orientado a facer máis competitivas as áreas empresariais en base a unha estratexia territorial e económica concreta e cun conxunto de axudas directas da Xunta para, por exemplo, aquelas áreas que destaquen pola compoñente de innovación e desenvolvemento tecnolóxico e industrial; premiar as boas prácticas ambientais ou para aquelas outras que fomenten un modelo de boas prácticas na xestión e a comercialización. “A estratexia do PP é a da chantaxe aos concellos e as prevendas ás empresas amigas; no BNG queremos un modelo de competencia xusto e orientado a facer máis competitivas as nosas áreas industriais, atendendo á realidade económica actual e aos retos e esixencias que nos presenta”, concluíu.  

 
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG