BNG reivindica o uso da lingua galega no Congreso e o resto de linguas oficiais do Estado

Néstor Rego
Néstor Rego

O Presidente do Congreso retirou a palabra a Néstor Rego por empregar o galego na súa intervención en que reclamou o recoñecemento práctico do carácter plurilingüe do Estado.

A iniciativa, que será votada na próxima quinta feira (xoves) está avalada por 10 formacións políticas

O Bloque Nacionalista Galego defendeu no pleno do Congreso, unha iniciativa conxunta con outras forzas políticas de mudanza do regulamento da cámara para posibilitar o uso de todas as linguas oficiais durante a actividade parlamentar. A organización nacionalista reclama unha verdadeira democratización do Estado, que pasa polo recoñecemento de que o Estado español está conformado por varias nacións e pobos con diferentes linguas e que todos os cidadáns teñan dereito a empregala sempre, en todo momento e en todo lugar.

“Galiza leva padecendo máis de quiñentos anos de imposición lingüística- imposición do español- é claro. Nese proceso, que levou primeiro á marxinación e exclusión da vida pública da lingua que falaba a poboación da Galiza e, mesmo a día de hoxe, un proceso de devalo permanente, de perda progresiva de falantes, ten unha responsabilidade histórica e presente o Estado español” comeza a intervención o deputado nacionalista.

Rego acrecentou que mesmo na actualidade, especialmente após os 13 anos de Goberno do PP de Feixóo, as políticas públicas camiñaron no sentido de atacar a normalización do galego. “Por exemplo, derrogando o decreto de uso do galego no ensino e impondo o mal chamado “Decreto de plurilingüísimo” que prohibe que materias como matemáticas, Bioloxía ou Física e Química poidan ser impartidas na nosa lingua”.

“Hoxe traemos aquí unha cuestión que, sendo simbólica, posúe unha relevancia excepcional desde a perspectiva dunha verdadeira democratización do Estado español que pasa por recoñecer que neste Estado convivimos nacións e pobos diferentes” explica o deputado nacionalista en lingua galega. Reivindica a posesión do pobo galego dunha lingua propia e o dereito a poder empregala “sempre, en todo momento e en todo lugar, en igualdade de condicións aos falantes de español”.

Para a organización nacionalista, fica claro que o fundamental é a normalización da lingua galega na Galiza, mais ao tempo -segundo sinala Rego- “que deputadas e deputados poidan empregar no Congreso a lingua do noso pobo, a lingua das persoas que nos elixiron, ten un valor simbólico innegábel e, para alén do máis, con consecuencias prácticas. Sería o recoñecemento a serio da realidade plurilingüe do estado e, por tanto, tamén da necesidade de avanzar no contributo desde a administración estatal para a plena normalidade das nosas linguas como, aliás, estabelece a Carta Europea das Linguas que o Estado español ten asinado” subliña.

Ao ser chamado á orde por segunda vez pola Presidente da cámara por estar a facer a súa intervención en lingua galega, o deputado do BNG citou as declaracións en castelán relacionadas en 2001 polo “Borbón corrupto e fuxido”, en que afirmaba que “nunca fue la nuestra lengua de imposición”. Rego continuou a súa intervención en galego afirmando que foi “unha mentira máis das moitas que contou desde a Xefatura de Estado, pois a imposición do castelán na Galiza e a prohibición do galego ao longo de séculos está sobradamente documentada”. O deputado nacionalista non puido finalizar a intervención ao lle ser retirada a palabra polo presidente en funcións do Congreso, a pesar de que ningún artigo do Regulamento indica que as intervencións teñan que ser en español.  

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG