BNG reitera o seu incondicional apoio ás vítimas do Alvia e á reclamación dunha investigación independente

Marcha Alvia
Marcha Alvia
Ana Miranda e Néstor Rego anuncian o mantemento da ofensiva do Bloque nas institucións para acadar verdade e xustiza sobre o accidente

No noveno aniversario do accidente de Angrois, o BNG volve amosar o seu total apoio ás vítimas, acompañándoas na marcha que cada 24 de xullo realizan desde a estación de ferrocarril á praza do Obradoiro. Nas súas intervencións tanto a portavoz do Bloque en Europa, Ana Miranda, como o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, subliñaron a necesidade de que se leve a cabo unha investigación independente tal e como demanda a Comisión Europea no procedemento de infracción aberto contra o Estado español en xaneiro de 2019 por incumprimento da normativa europea.

“Non é normal que levemos nove anos con este caso aberto si ningún tipo de responsabilidade política e xudicial nin de cambios lexislativos”, sinalou Miranda ao inicio do percorrido, no que tamén participaron Néstor Rego, a deputada no Parlamento Galego, Rosana Pérez e a portavoz do Bloque no Concello de Santiago, Goretti Sanmartín. A portavoz do BNG en Europa lembrou que o pasado 13 de xullo ela mesma e unha delegación da Plataforma de Víctimas do Alvia, mantiveron un encontro na Dirección Xeral de Mobilidade co director xeral Kristian Schmidt, “para pedir contas e esixir que nos dea unha resposta de por que está tardando tanto este procedemento aberto e por que non se cambia a lexislación que impediría un accidente destas características”, o máis grave de Europa dos últimos 25 anos.

Rosana Pérez, Goretti Sanmartín, Néstor Rego e Ana Miranda
Rosana Pérez, Goretti Sanmartín, Néstor Rego e Ana Miranda

“Na Comisión Europea dixéronos que seguen investigando”, destacou Ana Miranda, quen sinalou que o director xeral confirmou que as institucións europeas realizarán unha auditoría para comprobar o grao de cumprimento do procedemento de infracción aberto como consecuencia da denuncia presentada polo Bloque. “Pedímoslle que acelere o proceso e que por parte da Comisaria convoque a unha investigación independente, que corresponde ao Estado español”, engadiu. Por outro lado, Ana Miranda avanzou que o vindeiro ano, no que se cumprirá o décimo aniversario do accidente de Angrois, a o BNG organizará en Bruxelas unha conferencia sobre seguridade ferroviaria en Europa, á que o director de Mobilidade xa confirmou a súa asistencia e na que ás vítimas terán un papel destacado.

Aprobación dunha nova Comisión parlamentar

Néstor Rego, pola súa banda, sinalou que as “xustísimas” reclamacións das vítimas “de verdade, xustiza, reparación e garantía de non repetición”, pasan por realizar unha investigación independente “que vaia ao fondo das causas deste accidente, que depure as responsabilidades que houber e que se poñan os medios para que un suceso como este non se volva producir nunca máis”. Rego lembra que a organización nacionalista leva desde 2013 traballando en todos os ámbitos –do Parlamento Europeo ao Galego, pasando polo Congreso- para que esta investigación independente se poida levar a cabo.

No caso concreto da cámara baixa, o deputado destaca a aprobación dunha nova Comisión de Investigación parlamentar. A propia asociación das vítimas solicitou que esta comisión se realizara despois do xuízo que, nun comezo se prevía o seu inicio no mes de marzo, para contar cos novos elementos e informacións que puidesen aparecer no xuízo e servisen para xustificar o comezo, de novo, dos traballos na comisión parlamentar. “Tememos que PP e PSOE continúen a arrouparse mutuamente e comecen a comisión onde rematou a anterior, é dicir, no inicio das conclusións. Cremos que non se deron todas as informacións que se deberían ter dado e estamos de acordo coa asociación das vítimas. É preciso que se inicien de novo os traballos” salienta Rego.

“Seguimos reclamando que haxa unha comisión independente de investigación de accidentes. O Ministerio pretende que sexa de accidentes de mobilidade –aspecto que nos parece ben- de facto, na recente Lei de Transporte Ferroviario o BNG presentou unha emenda para crear esa comisión co carácter independente e foi aceptada a través dunha proposta transaccional” afirma o deputado no Congreso. Néstor Rego espera que se aprobe o texto proposto no pleno da cámara –aínda non votado- e haxa unha comisión que, en circunstancias como este accidente, exista unha investigación independente.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG