BNG recrimina á Xunta a súa improvisación nas axudas para as oficinas de turismo de concellos turísticos e xeodestinos

Daniel Pérez
Daniel Pérez
Daniel Pérez advirte de que as subvencións chegan tarde e reproba que non se articularan ata agora, cando o Bloque leva a cuestión ao Parlamento

BNG reprochou no Parlamento galego á Xunta a súa “improvisación” á hora de articular as axudas destinadas aos concellos declarados turísticos e aos xeodestinos de Galiza para a contratación de persoal nas oficinas de turismo, logo de que o PP anunciara a súa convocatoria mediante unha orde a próxima semana, xusto no debate dunha iniciativa nacionalista que tiña como obxectivo precisamente urxir ao Executivo a poñelas en marcha. 

O portavoz de Emprego e Turismo, Daniel Pérez, afeou ao Grupo do PP este anuncio “cando levan todo o ano sen facelo e, curiosamente, tres semanas despois de que o BNG rexistrara a iniciativa que estamos debatendo hoxe aquí”. “Benvida sexa en todo caso esa convocatoria, aínda que chega tarde, pero máis vale que as axudas cheguen aos concellos que as precisan que que non cheguen”, recalcou logo de subliñar que se o anuncio realizado hoxe na comisión parlamentaria de Economía se fai efectivo a semana que vén “non será ata os meses de xullo ou agosto, no mellor dos casos, cando os concellos poidan optar a estas subvencións”.

“Isto é froito da improvisación da Xunta, que durante todo este ano non foi quen de articular nada neste ámbito de actuación fundamental para a promoción turística destes concellos e dos nosos xeodestinos e o fai agora, reaccionando ante esta iniciativa e ante as chamadas dos propios municipios pedindo explicacións”, reprobou.

Neste sentido, Pérez criticou ao Executivo de Feixóo que pivote todos os seus esforzos no Xacobeo, un “burato negro” que absorbe todos os recursos, incluídos os destinados tradicionalmente aos concellos turísticos e xeodestinos como é o caso das axudas á contratación de persoal nas oficinas de turismo e das que, segundo recalcou, “dependen moitos concellos para poder promocionarse adecuadamente, consolidar afluencia turística, este ano fundamentalmente do turismo interior, e, polo tanto, relanzar a actividade económica”.

“Centran o esforzo orzamentario no Xacobeo descoidando outros moitos aspectos que serían fundamentais, e moito máis distributivos, para concellos moi castigados pola pandemia e que precisan relanzar as súas economías”, recriminou, para a continuación contrapoñer esta falta de proactividade e de planificación co papel activo doutras Administracións que si están a impulsar medidas similares, como é o caso da Deputación da Coruña, que xa articulou axudas similares para os concellos da provincia de máis de 50.000 habitantes.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG