BNG recrimina á Xunta o retraso na convocatoria das axudas en materia de emprego destinadas aos concellos

Daniel Pérez
Daniel Pérez
Daniel Pérez critica a súa negativa a explicar a demora e reproba que se escude nos plans de rescate: “non se pode espir un santo para vestir outro”

BNG reprochou á Xunta no Parlamento galego o retraso de máis de tres meses na convocatoria das liñas de axudas destinadas aos concellos para o fomento do emprego, “precisamente o ano que máis urxencia teñen, dado o impacto socioeconómico que provocou e segue a provocar a pandemia”.

Así o subliñou o portavoz nacionalista de Emprego e Turismo, Daniel Pérez, nunha pregunta na comisión parlamentaria de Economía, onde advertiu que tanto as axudas de fomento do emprego e mellora da empregabilidade, como as destinadas especificamente ao fomento do emprego no medio rural (Aprol rural), así como as dirixidas á contratación temporal de persoas perceptoras da Renda de Integración Social de Galiza (Risga) por parte de entidades locais viñan sendo convocadas habitualmente en xaneiro mentres que no presente exercicio non foron publicadas ata finais de abril.

Pérez lembrou que estas axudas permiten aos concellos contratar persoas desempregadas para levar a cabo as tarefas maiormente relacionadas coa prevención de incendios, a persoas perceptoras da Risga para a realización de obras ou servizos de competencia local ou socorristas cara á tempada de verán.

“É dicir, estamos ante unha tipoloxía de subvencións que contribúen á contratación de persoas que pasan dificultades económicas, algo que precisamente se agravou co impacto da pandemia, polo que aínda se entende menos un retraso precisamente este ano e que aínda se vai alongar máis co proceso de tramitación”, reprobou, para a continuación engadir que as axudas posibilitan ademais aos concellos contratacións para servizos concretos que xa terían que estar pechadas, “como os de socorrismo de cara ao mes de xuño, ou de limpeza e roza de espazos con risco de incendios, antes de que empece o tempo de risco máximo”.

Pérez criticou as evasivas da directora xeral de Emprego á súa pregunta (“non me contestou absolutamente a nada do que lle preguntamos”, afeou) e rexeitou que a posta en marcha por parte do Executivo do PP de distintos plans de rescate servise de xustificación para o retraso das axudas destinadas ao concello. “Unha cousa non quita á outra e non podemos espir un santo vestir outro, menos nunha situación de crise como a que estamos a vivir”, recriminou.

Segundo concluíu, para o BNG estes retrasos veñen demostrar unha vez máis “a falta de planificación e de estratexia” por parte da nova Consellería de Emprego e Igualdade, “que supostamente ía darlle a importancia necesaria a dous ámbitos sempre centrais para nós, pero que en tempos de pandemia precisaban dunha actitude especialmente proactiva por parte da Xunta”. “O noso escepticismo era xustificado”, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG