A Xunta de Rueda: 25 € de axuda para gastos escolares, dispendios e palcos VIP para os amigos

Olalla Rodil
Olalla Rodil
Olalla Rodil avanza unha proposta de declaración institucional no próximo pleno parlamentario en defensa do sector pesqueiro galego ante a prohibición das artes de fondo de Bruxelas

A viceportavoz parlamentaria do Bloque, Olalla Rodil, recriminou ao Goberno do PP o seu “tremendo acto de propaganda” para anunciar unha axuda de “25 pírricos euros” para gastos escolares, a todas luces insuficiente no medio da maior crise de prezos en 40 anos e cando só en libros as familias están a pagar 400 euros por fillo ou filla, cifra que ascende a 2.000 euros por rapaz ou rapaza sumando material escolar, roupa e o resto de gastos asociados ao inicio de curso, “segundo os datos da OCU, non do BNG”.

“Non escatima tanto o PP desde a Xunta en invitar aos amigos aos palcos VIP”, reprobou, para lembrar a continuación que “pagou con diñeiro de todas e todos os galegos 500 pases VIP” para un concerto de C.Tangana, unha cuestión pola que preguntará o BNG no próximo pleno parlamentario.

“Todas e todos os galegos pagamos do noso peto a entrada de Feijóo e Moreno Bonilla, de Rueda, da candidata do PP en Vigo e de 496 persoas máis; pero 25 euros para material escolar e vas que chutas”, incidiu con rotundidade logo de avanzar que a pregunta da portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, ao presidente do Executivo galego na sesión do control do próximo pleno parlamentario será precisamente “se pensa que está facendo unha xestión eficaz e eficiente dos recursos públicos dos galegos e das galegas”.

Así, a deputada nacionalista advertiu que, mentres isto acontece, o Goberno do PP non foi quen de adoptar nin unha soa medida excepcional para rescatar nin á poboación máis vulnerable, nin ás PEMES, nin ás persoas autónomas e que mesmo tomou decisións na dirección contraria, como retirar a Tarxeta Básica e “mandar á cola do banco de alimentos a milleiros de persoas neste País que non teñen cartos para mercar o máis básico”.

En rolda de prensa posterior á reunión da Xunta de Portavoces do Parlamento galego, Rodil tamén reprochou ao PP o seu veto á proposta nacionalista de incrementar o tempo de intervención dos grupos parlamentarios ata os 20 minutos na comparecencia de Alfonso Rueda sobre os Orzamentos para 2023, unha comparecencia da que tamén  dixo que “preferiríamos que o presidente deste País exercese como presidente e non como conselleiro de Facenda”.

Neste sentido, lamentou a negativa do PP a que esta comparecencia orzamentaria non excluíse o debate sobre política xeral, dado que a excepcionalidade da crise de prezos e o seu grave impacto sobre cidadanía e tecido produtivo “cabe e merece a pena que haxa un acordo unánime dos grupos parlamentarios, como ten acontecido noutras ocasións e outras materias, para facer outra interpretación do regulamento da Cámara e que exista a posibilidade dun debate monográfico sobre as consecuencias da crise económica”. “Non chega unha comparecencia de orzamentos e un presidente que veña aquí como se fose o conselleiro de facenda; cómpre un debate monográfico para un contexto económico e social moi complicado para miles de persoas neste País”, incidiu.

Ante a comparecencia da conselleira de Pesca pola decisión de Bruxelas de prohibir a pesca de fondo, a viceportavoz nacionalista anunciou que o BNG xa trasladou ao resto de grupos parlamentarios unha proposta de declaración institucional instando á Comisión Europea a suspender de maneira inmediata o regulamento que prohibe as artes de fondo e aos gobernos español e galego a pór en marcha todas as accións políticas, xurídicas e de mobilización social dirixidas a frear unha decisión que, de executarse, suporía a destrución de miles de postos de traballo nun sector estratéxico para o País.

Así pois, insistiu na necesidade de armar unha fronte común en defensa da pesca galega e considerou moi importante que “saia unha posición unánime, clara e contundente do Parlamento galego de defensa do noso sector pesqueiro e, en definitiva, de toda a cadea mar-industria”.

Ademais desta cuestións, Rodil avanzou que o Bloque defenderá tamén outras iniciativas para incrementar o orzamento en Atención Primaria e situar a Galiza, como mínimo, na media de investimento público do conxunto do Estado; desenvolver un novo modelo forestal e de ordenación do territorio para frear os incendios; garantir o dereito á vivenda ou axudas para explotacións do gando vacún intensivo diante do aumento dos custes de produción.
 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG