parlamento galego

BNG recrimina á Xunta que se negue a manter os servizos prometidos inicialmente no novo centro de saúde de Bouzas

Alexandra Fernández
Alexandra Fernández

Alexandra Fernández afea o veto do PP á iniciativa nacionalista na Cámara galega para compensar con máis persoal os recortes do proxecto orixinal  

“Nin servizo de pediatría, nin traballadora social; tres salas de medicina e enfermería é todo o que haberá: esta é a realidade diminuída do PP”, denuncia

BNG recriminou á Xunta no Parlamento galego que non vaia manter finalmente os servizos de Atención Primaria comprometidos no proxecto inicial para o novo centro de saúde de Bouzas en Vigo. “O centro de saúde vai ser unha realidade, si, pero vai ser unha realidade diminuída, a realidade diminuída do PP”.

Así llo reprochou a deputada Alexandra Fernández ao grupo parlamentario do PP, logo de que este vetase unha iniciativa nacionalista para que o Executivo galego garante a prestación dos servizos de pediatría e traballo social contemplados inicialmente e incrementase a dotación de persoal sanitario prevista, co obxectivo de compensar os recortes físicos do edificio con máis medios humanos.

Neste sentido, a deputada nacionalista lembrou que o Goberno do PP reduciu a superficie do centro á metade e, “con esta escusa”, recortou tamén o programa de atención sanitaria, eliminando os servizos de pediatría e traballo social e deixando o número de consultas na metade. Todo amparándose nunha negativa de Patrimonio ao proxecto inicial fronte á que, en vez de buscar alternativas, empregou como pretexto “para non facer nada e continuar coa súa aposta estratéxica de reducir a sanidade pública ao mínimo” e deixar reducido o proxecto a un “centro tamaño bonsai”. “É un centro de saúde con tres consultas de medicina e enfermería, é todo o que hai nese centro de saúde; esta é a realidade diminuída do PP”, recalcou.

Durante o debate na comisión parlamentaria de Sanidade, Fernández afeou á deputada popular Teresa Egerique o seu “espectáculo de ruídos, papeis e panfletos” para xustificar o veto a esta iniciativa, sen ser capaz de rebater tanto que o Executivo de Feixóo “mantivera durante 10 anos, do 2009 ao 2019, paralizado o proxecto”, como que, unha vez elaborado e executado, o centro de saúde fose recortado.

“Sabe vostede ao que non contestou? A que hai da traballadora social? A que hai do servizo de pediatría?”, reprochou para a continuación subliñar que as familias de Bouzas teñen que desprazarse entre tres e catro quilómetros a outros centros, como os de Navia, Beiramar ou López Mora, para poder recibir atención pediátrica, algo que, segundo salientou prexudica especialmente ás mulleres. “Está claro que, aínda con todo isto, vostedes non teñen intención de rectificar, a pesar de que estamos ante unha demanda social histórica en Bouzas que os veciños e veciñas levan moito tempo agardando”, incidiu.   

A deputada nacionalista enmarcou a actitude da Xunta do PP no seu modelo de desmantelamento da Atención Primaria, un modelo do que, advertiu, está a derivar nunha falta de diagnóstico en ámbitos como o oncolóxico ou o mental. “Esta é a segunda pandemia que vén e que xa se está cociñando a lume lento: as consecuencias da falta de Atención Primaria”, alertou.

Fronte a este modelo, reiterou a aposta do BNG polo fortalecemento da Atención Primaria como un dos piares fundamentais da sanidade pública. “Por iso presentamos esta iniciativa, porque queremos para Bouzas un centro de saúde que conte con todos os servizos; non un edificio e propaganda, senón recursos humanos e servizos que enchan de contido este centro de saúde”, explicou para a continuación concluír convidando ao PP: “reflexionen sobre as consecuencias de seguir hipotecando o futuro da Atención Primaria no centro de Bouzas”.      

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG