O BNG recrimina a “falta de vontade política” do PP para cumprir o acordo sobre a exhumación de vítimas do franquismo

Luís Bará
Luís Bará

Luís Bará bota en cara ao PP que, despois de nove meses dun acordo no Parlamento galego,  a Xunta “non fixera nada” e se escude na investidura de Sánchez ou nos orzamentos galegos para non recuperar os restos das foxas comúns e cunetas

O BNG recrimina a “falta de vontade política” do PP para cumprir o acordo sobre a exhumación de vítimas do franquismo

O deputado do BNG, Luís Bará denuncia que o Partido popular tira ao lixo os mandatos parlamentarios como o referido á “localización, exhumación e traslado dos restos de vítimas do franquismo para un enterramento digno”.

Na intervención da pregunta parlamentaria ao goberno, Bará lembrou que despois de nove meses do acordo do Parlamento Galego, a Xunta “non fixo nada”, non tomou ningunha medida e moito nos tememos, dixo, que van seguir igual despois da resposta da directora xeral de relacións institucionais e parlamentarias, Blanca García.

Bará explicou que na actualidade existen centos de persoas desaparecidas pola represión franquista durante a Guerra civil e posguerra e despois de máis de 40 anos dun réxime constitucional e democrático, ese réxime “deixou abandonada a súa sorte a esas persoas tiradas en cunetas, cemiterios e foxas comúns e algunhas delas sen localizar  despois de seren tiradas ás rías”.

A nosa pregunta, dixo Bará, trata dunha cuestión de “humanidade”, e do dereito das familiares a recuperar os corpos para darlle  “un enterramento digno”. A lei do ano 2007, deixou “mal resolta esta cuestión” ao trasladar ás asociacións e familias a responsabilidade de “localizar, exhumar e certificar os restos”. Ademais, a lei do 2007 establecía a obriga das institución de localizar as foxas e establecer axudas as asociacións para este labor pero todo isto quedou paralizado coa chegada do Partido popular ao goberno do Estado.

O deputado salientou que a pesar dese marco legal, algunhas comunidades como  Euskadi elaborou o Plan 2015-2020 nesta materia ao igual que Galiza no ano 2008 asinou un convenio co IMELGA que tras a chegada do Partido popular á Xunta “volveu a paralizar”. O Partido popular, “ non só non fixo nada, senón que desfixo”, afirmou o nacionalista.

Bará lembrou que o acordo do Parlamento galego do 2018 é un mandato do pleno para  elaborar e aprobar coa participación das entidades  locais, universidades e asociacións da Memoria histórica un plan plurianual para  a “investigación e localización, identificación e exhumación” das vítimas do franquismo soterradas en foxas comúns.

O deputado  cualificou de “burla” a resposta da directora xeral e afirmou que despois de dous acordos parlamentarios o Partido popular, unha vez máis, vota acordos que logo non cumpre e agora despois de nove meses anuncia que cumprirá o acordo cando levan  meses “sen facer nada” e seguirán sen “facer nada” porque descoñecemos si os orzamentos contarán cunha partida específica. Neste sentido, engadiu que  estamos falando de 200 mil euros. Hai unha listaxe de foxas dende o ano 2009 e 100 mil ou 200 mil euros non serán unha ruína para a Xunta que ten 50 mil millóns de euros de orzamento.

O parlamentario nacionalista volveu a reclamar ao Goberno galego cumprir os acordos parlamentarios e respectar os  dereitos fundamentais das vítimas  desaparecidas que merecen un enterramento digno, concluíu.