BNG recrimina ao PP o seu “sálvese quen teña” fronte a desatención e colapso da Atención Primaria en Galiza

Montse Prado
Montse Prado

Montserrat Prado esixiulle ao conselleiro de Sanidade que “rectifique e deixe de atacar á xente que se mobiliza” e en defensa dunha Atención Primaria que se atopa “exhausta”, en alusión á manifestación pola sanidade pública convocada para o vindeiro 14 de febreiro en Santiago de Compostela

A portavoz de Sanidade denunciou que o orzamento medio en Atención Primaria entre 2009 e 2022 foi 200 millóns menos cada ano que en 2009, ata “2.339 millóns de euros que non investiron”. Por iso o BNG leva anos demandando 200 millóns de euros anuais máis para Atención Primaria

O BNG denunciou no Parlamento o proceso de precarización prolongada da sanidade pública galega e, en concreto, da Atención Primaria, con ata 2.339 millóns de euros sen investir nesta área desde 2009, situación pola que a cidadanía sairá ás rúas o vindeiro 12 de febreiro para reclamar unha mellor sanidade pública.

“Xa non conseguen tapar a lúa cun dedo. Son miles os galegos e galegas que ven con claridade o que está acontecendo e por iso a ILP promovida por SOS Sanidade Pública está avalada por máis de 50 mil sinaturas”, sinalou a portavoz de Sanidade, Montserrat Prado, que advertiu que este vindeiro domingo 14 “ as rúas de Compostela van ser un clamor esixindo rectificación e medidas para salvar a Atención Primaria do burato na que a ten metida o Partido Popular” e contestarán á política do “sálvese quen teña” dos Populares.

Prado emprazou ao conselleiro de Sanidade, García Comesaña, a “rectificar” e a que “deixe de atacar á xente que se mobiliza, que se organiza en defensa da sanidade pública”, algo que pon ao Goberno do PP “nervioso”. Un Executivo que é responsable, lembrou, de reducir en 2.339 millóns de euros dende 2009, a 200 millóns de euros de recorte cada ano. “Non ten ningunha reflexión, entón, do que pode estar pasando coa Sanidade? Vostede é o responsable”, recriminou a Comesaña. Fronte as escusas do PP, a deputada do BNG criticou que “non tomaron medidas a pesar de que sabían desde hai anos que ían faltar profesionais para cubrir todas as prazas existentes, as xubilacións, as vacantes”, unha situación na que, de feito, quedaron “prazas MIR sen convocar”.

Desatención médica, sen pediatras e profesionais saturados

A portavoz de Sanidade esixiu ao Goberno do PP “traballar por unha sanidade pública de mellor calidade” fronte a precarización laboral, “os PACs sen persoal facultativo, sen atención pediátrica e que as e os profesionais sen rematar a súa formación MIR exerzan de persoal doutor”. Esta precarización do servizo, enfatizou, conleva un importante “prezo” como o aumento das complicacións nos procesos de crónicos, a demora na detección de moitas enfermidades, diagnoses tardías con “consecuencias letais” e unha falta de seguimento para as crianzas. Argumentos que non foron tratados polo conselleiro de Sanidade, que non se pronunciou na Cámara sobre ningún tipo de mellora da Atención Primaria en Galiza.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG