Municipais 2023

BNG recorre ante a Xunta electoral provincial o plan de cobertura das eleccións do 28M presentado pola CRTVG

crtvgmosaico
Considera o medio público minimiza a información electoral ao relegar a horarios sen apenas audiencia as entrevistas a candidatos e candidatas e os debates

O BNG presenta recurso ante a Xunta electoral provincial da Coruña contra o plan de cobertura da corporación Radio e Televisión de Galicia das eleccións do 28 de maio, por entender que os medios públicos minimizan a difusión dunha información fundamental para a cidadanía, relegando a horarios de moi escasa audiencia entrevistas e debates.

“A cobertura dos debates e entrevistas reléganse a espazos de menor audiencia, concretamente, a retransmisión terá lugar pola mañá a partir das 10:00 horas, co que se incumpre o deber como medio público de garantir o pluralismo político e social”, recolle o texto do recurso. A repetición faranse pola segunda canle da Televisión de Galiza ás 22:45, de novo cunha audiencia irrelevante, “incumprindo novamente os fins ao que debe servir a retransmisión da programación electoral”.

O BNG reclama que, como é habitual noutros medios públicos e privados, a difusión das entrevistas e debates electorias se faga en horario de máxima audiencia, “para dar cumprimento aos fins da CRTVG e a Lei electoral”.

Nun proceso electoral, a cidadanía ten dereito a recibir a maior información e contraste das alternativas políticas que concorren, e co fin de conseguir ese obxectivo os medios de comunicación públicos deben reforzar o seu papel de vocación de servizo público.

A propia Lei 9/2011 dos medios públicos establece na exposición de motivos como fin “contribuír á formación dunha opinión pública informada”, inciso que debe ser especialmente respectado en período electoral, ao ser o proceso previo para que os cidadáns decidan a representación política e institucional.

“Neste caso, a CRTVG, especialmente no que atinxe á cobertura da TVG, apártase claramente de dita finalidade, ao situar a mantenta a información relativa ás eleccións, en horarios de menor audiencia, sen garantir desta forma á formación dunha opinión pública informada”, alega o BNG no seu recurso.

Tamén en relación coa cobertura das eleccións, e no que ten a ver coa televisión e radio públicas, “resulta desproporcionado o tempo asigando as forzas políticas, salvo PP e PSOE, sen ter en conta os resultados das eleccións equivalentes anteriores na Galiza, pois debe considerarse eses resultados para adecuarse ao ámbito de influencia do medio”.

A consideración que fai o Bloque refírese a VOX que, con cero concelleiros e concelleiras disporá da metade de tempo da asignada ao BNG, cuxos gobernos municipais suman 380.000 galegos e galegas, ao que se engaden os centos de concelleiros e concelleiras na oposición en toda Galiza.

“VOX carece de implantación algunha no territorio e nas eleccións anteriores equivalentes de 2019 obtivo cero concelleiros e concelleiras e no proceso inmediatamente anterior que foron as eleccións galegas de 2020, obtivo apenas o 2% dos votos. Con estes datos resulta totalmente desproporcionado e arbitrario os segundos que se lle atribúen para a información da actividade electoral”, indica o BNG no recurso.

O plan de cobertura presentado resulta incompleto, pois no se especifica a programación especial da xornada electoral, a diferencia de procesos electorais anteriores onde viña completamente especificada. Polo que debe ser completada antes da súa aprobación, a fin de cumprir cos criterios de transparencia e publicidade.

No que ten a ver cos debates, hai unha redución de cinco minutos na totalidade con respecto a procesos electorais anteriores. Así, tratándose xa dun tempo escaso (45 minutos) redúcese aínda máis resultando de todo insuficiente para alcanzar os fins que deben ter estes formatos. Así mesmo, debería incluírse nos bloques temáticos apartados específicos relativos á lingua cultura e patrimonio galegas e outro bloque específico de igualdade e medio ambiente.

O debate en torno á lingua, cultura e patrimonio galegos na Televisión e Radio Galegas debería ser incuestionable pois forman parte da propia finalidade da CRTVG, recollidos nos seus principios reitores. En canto á igualdade e medio ambiente, estamos a falar de dous temas nos que os concellos teñen competencias e nos últimos anos veñen constituíndo o centro dos debates políticos, producíndose unha eiva ao non mencionalos como temas específicos.

Por tanto, o BNG solicita no recurso: a realización de entrevistas aos principais candidatos e candidatas de formacións políticas con ámbito de implantación en Galiza na TVG en horarios e formatos da maior audiencia, singularmente no prime time da TVG1.

Igualmente, que se ordene á CRTVG a recoller a difusión dos debates en horario de máxima audiencia e na principal canle (TVG1); un reparto proporcionado do tempo en función dos resultados das últimas eleccións equivalentes ou inmediatamente anteriores. Tamén, que se reconsidere a condición de grupo político significativo e que se introduzan na temática dos debates as cuestións relativas á lingua, cultura e patrimonio así como igualdade e medio ambiente.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG