BNG reclamará á Xunta en pleno parlamentario medidas concretas para lograr a igualdade das mulleres no sector do mar

Rosana Pérez
Rosana Pérez

Rosana Pérez urxe a creación dun Observatorio de Igualdade específico que facilite datos reais para corrixir a discriminación de xénero neste ámbito

Defende aumentar o peso feminino na toma de decisións para mellorar as condicións laborais e lembra que só hai 5 patroas maiores nas 63 confrarías

Pide axustar os coeficientes redutores para a xubilación á súa dura realidade e recoñecer enfermidades profesionais propias de redeiras e mariscadoras

A portavoz nacionalista de Pesca, Rosana Pérez, reclamará á Xunta na próxima sesión plenaria do martes, 8 de marzo, medidas concretas para erradicar a desigualdade entre homes e mulleres no sector do mar.

Segundo recalca a deputada nacionalista, a importancia cuantitativa das mulleres no sector “non se traduce nin na súa visibilización, nin na posta en valor do seu traballo”, polo que son imprescindibles liñas de actuación que permitan rematar coa súa discriminación nas actividades marítimo-pesqueiras.

Pérez considera urxente a creación en primeiro termo dun Observatorio da Igualdade específico que permita coñecer os datos reais da situación das mulleres no sector para, a continuación, e sempre coa participación deste, “poñer en marcha as medidas efectivas e acaídas á situación real” co obxectivo de “ir corrixindo a discriminación de xénero tamén no ámbito pesqueiro e marisqueiro”.

E é que, a xuízo da deputada nacionalista, “o que ilustra perfectamente esa invisibilización das mulleres é que nin sequera as propias Administracións dispoñen a día de hoxe de datos estatísticos ou información desagregada por sexos”, o que impide actuar con eficiencia sobre esta realidade. “Na práctica, é imposible corrixir o que non se mide ou non se coñece”, advirte. 

En todo caso, Pérez defende a necesidade de implantar medidas de empoderamento e liderado que leven ás mulleres a incrementar a súa participación e influencia nos procesos de toma de decisións, para o que considera imprescindible o apoio ás organizacións de mulleres e garantir a súa voz nas distintas estruturas, comezando polo Consello Galego da Pesca, no que “só hai nove mulleres, incluída a propia conselleira, entre as e os seus 54 integrantes”.

Nesta liña, tamén apunta á escasa participación de mulleres nos órganos de dirección das 63 confrarías galegas, onde actualmente só hai cinco patroas maiores, menos dun 8%. Datos todos eles que considera “moi sintomáticos”, cando das 20.000 persoas afiliadas actualmente ao réxime especial do mar en Galiza, preto do 25% son mulleres.

“Deste xeito, conseguir unhas condicións de traballo dignas ou mellorar ou simplemente ter instalacións en condicións -por exemplo, no caso das redeiras-; ou o recoñecemento de enfermidades profesionais ou axustar os coeficientes redutores á dura realidade das traballadoras do mar levan anos agardando e nunca están, agora tampouco, entre as prioridades dos responsables políticos do sector”, incide.

Neste sentido, cómpre lembrar que o BNG considera obrigado este axuste dos coeficientes redutores na idade de xubilación que, no caso das redeiras, nin tan sequera teñen recoñecido o mísero aplicado ás mariscadoras, así como o recoñecemento de enfermidades profesionais derivadas das duras condicións nas que realizan o seu traballo ámbolos dous colectivos.

Pérez enmarca esta proposta dentro do traballo que está a desenvolver o BNG de cara ao 8M e agarda “que, desta vez, a Xunta poña en práctica os compromisos sobre igualdade que xa ten adquiridos pero só no papel, non na realidade”.  

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG