O BNG reclamará a Interior de se confirmaren as sancións por evitar o desafiuzamento de Aurelia

Foto: Gustavo RivasCuestiona o uso da represión o do amedrentamento da Policía e do Ministerio do Interior para atallar as protestas lexítimas no caso de conflitos sociais

Santiago de Compostela, 4 de xuño de 2013.- O BNG pediralle explicacións ao ministro do Interior, a través do Congreso dos Deputados, tanto pola actuación da Subdelegación do Goberno en Galiza como pola actuación represiva contra persoas que participaron nunha protesta lexítima que evitou un desafiuzamento na Coruña, de se confirmar a apertura de expedientes contra o portavoz parlamentar, Francisco Jorquera, entre outras persoas.

O Bloque Nacionalista Galego, até o momento, só ten constancia da apertura dun expediente por parte da Subdelegación do Goberno a través da información publicada na prensa, posto que ningunha das persoas mencionadas na noticia recibiu notificación formal. De confirmarse a acusación, o BNG pedirá explicacións desta conduta á Subdelegación do Goberno en Galiza.

Así mesmo, tanto por estas actuacións como pola propia actuación represiva contra persoas que participan dunha protesta lexítima, o BNG pediralle explicacións no Congreso dos Deputados ao ministro do Interior, e de ser o caso, a súa dimisión.

O BNG cuestiona o uso da represión o do amedrentamento que está a facer a Policía e o Ministerio do Interior para atallar as protestas no caso de conflitos sociais. Trátase do uso da forza de coerción do Estado contra persoas que protestan contra medidas sociais moi inxustas, como os desafiuzamentos, que teñen a súa raíz no apoio sen fisuras que os gobernos lle dan ao capitalismo financeiro e aos oligopolios.

Nesta ocasión, foi o caso da protesta para evitar o desafiuzamento de Aurelia, no que a presión social conseguiu reorientar o desaloxo previsto e chegar a un acordo coa afectada. O BNG séntese orgulloso de quen participan destas mobilizacións, das que sofren a coerción do Estado, e solidarízase con Jorquera, con Xosé Manuel Carril e con Paulo Carril, ademais de destacar o extraordinario labor do bombeiro que se negou a participar no desafiuzamento e de cantas persoas están acosadas por esta razón. Salienta, ademais, o traballo das persoas comprometidas con esta causa dos desafiuzamentos que procuran restabelecer a xustiza social, tanto a título individual como en colectivos organizados.

O BNG anuncia tamén que, de se confirmaren as sancións, emprenderá unha campaña social para sufragalas, ademais difundir e de estender información sobre as razóns que motivaron estas protestas contra os desafiuzamentos, á parte de dar a coñecer os motivos que perseguen estas amoestacións.

Foto: Gustavo Rivas (La Voz de Galicia)

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG