Xerais 2019 (10N)

O BNG reclamará no Congreso a transferencia dos portos de interese xeral, “por eficacia e por xustiza” con Galiza

Encontro A Coruña
Encontro A Coruña

Pontón lembra a discriminación das forzas estatais que aprobaron “a condonación da débeda do Porto de Valencia pero esqueceron A Coruña”

Rego destaca o disparate de que as decisións se tomen a 600 quilómetros desde Madrid ou a 1.800 desde Bruxelas

O BNG compromete que utilizará a forza da súa representación no Congreso a partir do 10N para colocar na axenda do Estado a transferencia dos portos de interese xeral, para acabar co despropósito de que as decisións sobre unha infraestrutura vital para a economía do país e vital para a xestión de 1.200 quilómetros de litoral se tomen desde Madrid ou desde Bruxelas.

“Por eficacia e por xustiza”, sintetizou a portavoz nacional, Ana Pontón, co Porto da Coruña como pano de fondo. “Nada mellor que xestionar desde aquí os nosos portos en lugar de facelo a miles de quilómetro desde despachos de secano. E, por outro lado, porque supoñen unha fonte de ingresos, -21 M€ de beneficios en 2108-, que se drenan a Madrid en lugar de reverterse neste país”.

Nun acto na Coruña co candidato ao Congreso Nestor Rego e co portavoz municipal, Francisco Jorquera, a líder nacionalista tamén avanzou que o BNG condicionará o seu apoio no Congreso a que se condone a débeda do Punta Langosteira e o compromiso de ceder gratuitamente á cidade os terreos do porto interior unha vez que sexan desafectados.

Néstor Rego, Ana Pontón e Francisco Jorquera“Faremos o que non fixeron nin PP, nin PSOE, nin un Podemos que pactou uns orzamentos que asumían a débeda do porto exterior de Valencia pero esquecían A Coruña. Queremos volver colocar Galiza na axenda estatal”, recalcou Pontón, “queremos acabar coa discriminación con este país e temos unha oportunidade o 10N con deputad@s que defenderán os intereses da Coruña e de Galiza en lugar de limitarse a votar o que lles mandan as direccións dos seus partidos madrileños como vimos estes anos”.

Rego fixo fincapé na necesidade de ter unha Galiza “con soberanía” para decidir sobre todas as cuestións que lle afecten ao país.

“Temos que ser os galegos e as galegas os que tomemos as decisións que nos afectan como país, porque cando outros deciden por nós, normalmente deciden en contra de nós, cando se toman as decisións a 600 quilómetros en Madrid ou a 1.800 quilómetros en Bruxelas a Galiza vaille mal, esa é a razón pola que o BNG defende a soberanía de Galiza”, explicou.

Pero tamén no actual marco é posible lograr avances e, por iso, “propoñemos a transferencia do conxunto das infraestruturas de transporte e de comunicacións que aínda dependen do Estado”, explicou, como portos de interese xeral, aeroportos, infraestruturas viarias e ferroviarias.

Salvamento marítimo

Por exemplo, “non se entende que salvamento marítimo dependa de Madrid”, indicou, “ninguén mellor que nós coñecemos as nosas necesidades, os problemas e as solucións”. No caso dos portos de interese xeral, “a xestión desde Galiza permitiría incentivar a súa capacidade tanto no ámbito pesqueiro como de tráfico de mercadorías e pasaxeiros, pero desde Madrid se prioriza o Mediterráneo co que iso implica de perda de negocio e emprego”.

Avanzar nesa xestión do propio  “é un obxectivo fundamental e para iso é clave que o BNG estea en Madrid para darlle voz propia a Galiza, porque vimos como os 23 deputados e deputadas electos non fixeron nada por defender este país, nin a condonación da débeda do Porto da Coruña, nin a transferencia da AP9, nin ningunha outra. Estamos seguros que unha maioría de galegos e galegas vai aproveitar a oportunidade do 10N para cambiar isto”, concluíu Rego.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG