BNG reclama á Xunta que restitúa os dereitos retributivos do persoal do SERGAS suspendidos en 2009 co pretexto da crise

Montse Prado
Montse Prado
Montserrat Prado recrimina ao Executivo que negue a reposición, 13 anos despois, dunha mellora salarial recoñecida no DOG: “para o PP os recursos son para baixar os impostos aos ricos”, reproba

A portavoz nacionalista de Sanidade, Montserrat Prado, defendeu en Pleno parlamentario unha iniciativa para que a Xunta restitúa os dereitos laborais do persoal do SERGAS acordados en 2008 pero cuxa aplicación foi suspendida en 2009 coa chegada do PP ao Goberno galego, de xeito unilateral, co pretexto da crise económica e, supostamente, de modo temporal.

Os acordos -asinados en Mesa Sectorial e publicados no DOG- contemplaban un complemento específico nas retribucións do persoal sanitario para compensar a denominada “penosidade” da prestación dun servizo público de 24 horas/ 365 días ao ano e para avanzar na equiparación salarial das e dos profesionais do SERGAS en relación ao resto do persoal da Xunta e doutros servizos de saúde do Estado.  

“Para rebaixarlle os impostos aos ricos si hai recursos, para as e os traballadores da sanidade non”, recriminou á bancada do PP logo da súa negativa durante o debate da iniciativa a restituír -13 anos despois- uns acordos que, segundo recalcou, “están aprobados, recollidos no DOG e, polo tanto, son lei, son norma”. “Ou é que a seguridade xurídica é só para as súas empresas e as dos seus amigos? Porque as traballadoras e traballadores tamén necesitan seguridade xurídica e o que está publicado no DOG ten que respectarse”, cuestionou con severidade.

Logo de lembrar que estes acordos non respondían a ningún “capricho” nin a ningunha “ocorrencia de última hora” xa que o persoal do SERGAS “era e segue a ser” dos peor pagados do Estado español, a deputada nacionalista defendeu unha reivindicación que -recollida nesta proposición non de lei de iniciativa popular promovida pola CIG e asinada por varios miles de profesionais- considerou xusta e “de mínimos” porque se limita “a pedir o que lles roubaron”.

Así, criticou ao Goberno do PP por negarlle dereitos a un persoal sanitario “co que se lle enche a boca en agradecerlle o seu traballo e entregarlle medallas e premios”, pero ao que logo rexeitan sistematicamente concederlle un recoñecemento efectivo. Neste sentido, retou ao Executivo galego a retirar a rebaixa fiscal de 34 millóns de euros a 7.700 millonarios e destinar esta contía “a devolverlle o roubado ao persoal sanitario”. “Porque vostedes moito compromiso coa sanidade pública, pero a coste cero; só ao lombo dos traballadores e traballadoras; esa é a política do PP”, resumiu para concluír a súa intervención. 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG