BNG reclama á Xunta que manteña a educación para adultos no IES Concepción Arenal de Ferrol e o PP veta a proposta

Encontro
Encontro
Mon Fernández reprocha ao Executivo galego a supresión do horario nocturno, fundamental para a conciliación laboral e familiar

BNG instou á Xunta no Parlamento galego a deixar sen efecto a decisión da Consellería de Educación de trasladar a Educación Secundaria para Adultos que se impartía no IES Concepción Arenal de Ferrol ás instalacións do EPAPU de Caranza, así como a de suprimir o horario nocturno, mais a iniciativa non prosperou polo veto do PP pese aos argumentos defendidos polo deputado nacionalista Mon Fernández, quen trasladou o “estupor e indignación” na comarca e obviamente de toda a comunidade educativa do centro, cuxo equipo directivo mantivo un breve encontro tamén coa portavoz nacional, Ana Pontón, previo á comisión parlamentaria de Educación onde se debateu a iniciativa.

Fernández reprochou á consellería a súa decisión tanto nas “formas” -“ao actuar xa iniciado o curso e sen previo aviso nin explicacións”-, como no “fondo”, dado que está a retirar unha oferta formativa, a presencial para adultos en horario de 18 a 22h da noite “malia existir demanda con máis de 15 matrículas”. “É, polo tanto, unha decisión arbitraria en contra dos criterios da propia consellería sobre o número mínimo de matrículas para ter grupo”, censurou, para engadir a continuación que “dado que non ten soporte nin motivos normativos para executarse, para impoñerse, é unha decisión que debe corrixirse”.

O deputado nacionalista por Ferrolterra -quen recriminou a negativa do departamento autonómico á comunidade educativa do centro para manter unha reunión co xefe territorial- apelou á función social do ensino para adultos “porque é a única posibilidade para moitas persoas con problemas de conciliación laboral e familiar” e, por iso, o Executivo galego “debera realizar o control sobre o cumprimento das ratios, ou dos criterios, dun xeito máis flexible, priorizando o dereito das persoas que queiran estudar a poder facelo”. “E que o ensino sexa presencial -recalcou- porque a xente con obrigas laborais e familiares teñen dereito a unha educación da mesma calidade que as demais persoas”.

Fernández incidiu no feito de que, neste caso concreto, dáse a circunstancia de que estamos ante unha oferta formativa á que recorren moitas persoas inmigrantes, co que “a dimensión socializadora que cumpren os centros educativos gaña moita relevancia”, e, neste sentido, engadiu que “persoas latinoamericanas, chinas ou paquistanís, vense obrigadas a cambiar 9 horas de ensino presencial por unha hora, na súa versión semipresencial”.

De igual xeito, subliñou que sempre houbo demanda desta oferta formativa durante os 50 anos de vida do Concepción Arenal, centro do que recalcou a súa localización “ao pé mesmo da estación de autobuses, o que facilita a matrícula e asistencia de persoas de toda a comarca”. Ao seu xuízo, o que se produciu a principio de curso “foi un atropelo, non ten outro nome” e acusou ao Executivo de Núñez Feixóo de “non perder ocasión de recortar, sen présa pero sen pausa, recursos ao ensino público”.

“Non podía deixar de comentar, precisamente hoxe, cando o Consello da Xunta se reúne en Ferrol, nunha nova exhibición de como poñer todo un goberno ao servizo dos intereses electorais do PP, que estamos nesta comisión parlamentaria falando precisamente de que tipo de servizos públicos imos ter en Ferrol”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG