BNG reclama á Xunta no Parlamento un novo centro de saúde para Bouzas dotado de todos os servizos comprometidos

Alexandra Fernández
Alexandra Fernández

Alexandra Fernández defende mañá unha iniciativa para aumentar o persoal sanitario e garantir que o centro conte con atención pediátrica e traballo social  

Rexeita o “minicentro” que pretende entregar o Goberno galego e propón compensar o recorte de medios físicos co incremento de medios humanos   

BNG reclama á Xunta no Parlamento un novo centro de saúde para Bouzas dotado de todos os servizos comprometidos
BNG defenderá mañá xoves no Parlamento galego unha iniciativa para que a Xunta incremente a dotación de persoal sanitario que ten prevista para o novo centro de saúde de Bouzas -que debe dar cobertura a preto de 6.000 persoas en Vigo- e que garanta a prestación dos servizos de pediatría e de traballo social.

A deputada Alexandra Fernández explica que coa proposición non de lei que se debaterá na comisión parlamentaria de Sanidade “queremos que a Xunta rectifique e lle entregue aos veciños e veciñas un centro de saúde completo e non o que pretende facer, que é entregar un centro de saúde amputado e recortado”.

Fernández lembra que do proxecto inicial para o futuro centro sanitario de Bouzas “foron caendo servizo tras servizo” e que a intención do Executivo galego é deixalo reducilo a “un minicentro de saúde, onde pretende que non haxa servizo de pediatría tal e como se prometera, nin servizo de Traballadora ou Traballador Social, tal e como se prometera”.  

Neste sentido, incide en que a Xunta pretende escusar estas carencias na redución tamén aplicada sobre o número inicialmente previsto de consultas, das que “tan só quedan a metade”. Segundo argumenta, o obxectivo ten que ser precisamente o contrario: “este recorte de salas non pode servir de pretexto para que se recorten tamén servizos, medios e persoal, senón que hai que compensalo con máis recursos humanos, que serva para garantir servizos, como os de pediatría e traballo social, e incrementar quendas e horarios de atención”.

“Entregarlle en definitiva aos veciños e veciñas de Bouzas os servizos que se lles prometeron nun inicio”, conclúe Fernández, logo de advertir que este é un exemplo máis da falta de investimento do Executivo de Feixóo na Atención Primaria, non só en Vigo senón en todo o país, e que o PP está aproveitando a pandemia “para deixar caer o que é un dos piares fundamentais da sanidade pública”.
 

BNG reclama á Xunta no Parlamento un novo centro de saúde para Bouzas dotado de todos os servizos comprometidos