parlamento galego

BNG reclama á Xunta no Parlamento galego unha consulta de cirurxía vascular para o Hospital da Mariña

Daniel Castro
Daniel Castro
Daniel Castro advirte de que a cidadanía da comarca ten que desprazarse uns 100 quilómetros para ser atendida de calquera doenza vascular

BNG reclamou á Xunta no Parlamento galego que dote dunha consulta de cirurxía vascular ao Hospital da Mariña, unha reivindicación que o deputado nacionalista pola Mariña, Daniel Castro, cualificou de imprescindible dado que “calquera mariñán ou mariñá, a día de hoxe, tense que desprazar uns 100 quilómetros para ser atendido ou atendida de calquera doenza de tipo vascular”.

“Con isto xa poderiamos dicir que a situación é alarmante, mais temos que engadir que este tipo de enfermidades teñen moita prevalencia, algo que evidencia que a non dotación deste servizo é aínda máis escandalosa”, reprochou ao conselleiro de Sanidade, para a continuación cuestionarlle que esta consulta especializada para un hospital “é o mínimo que se lle pode pedir a un Goberno galego”.

Castro explicou que se trataría dunha consulta “de mínimos”, cando menos para poñer a andar o servizo e coa que “polo menos se poidan levar a cabo intervencións de tipo ambulatorio, intervencións que, segundo recalcou, “xa se teñen realizado en anos pasados e sempre con moi bos resultados”.

Neste sentido, reprobou o recorte de servizos no Hospital da Mariña “ao longo destes anos de goberno do PP”, con moitas áreas “das que poderiamos afirmar que non contan coa dotación ben de medios, ben de persoal, necesaria para unha sanidade pública do século XXI, aínda que hoxe esteamos a falar en concreto da de cirurxía vascular”.

Así, o deputado nacionalista advertiu de que cando a sanidade pública non garante servizos coma este, é o sistema sanitario privado o que atopa nicho de mercado, “accesible só para quen pode pagalo”, o que, segundo recalcou, supón que “esta sanidade pública á que levan atacando durante décadas pois acaba por non ser nin pública, nin universal, nin de proximidade, nin do século XXI”, concluíu.   
 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG