parlamento galego

BNG reclama á Xunta que mellore as condicións laborais das e dos socorristas para cubrir o servizo en todos os espazos de baño

Iago Tabarés
Iago Tabarés
Iago Tabarés critica que, no canto de rematar coa precariedade, se cree a figura do “persoal auxiliar de apoio”, para a que reclama concreción normativa

BNG reclama á Xunta que mellore as condicións laborais das e dos socorristas e dote da seguridade que precisa o colectivo para poder cubrir o déficit que existe de vixiantes nos espazos de baño galegos. “No canto de evitar a precarización e a inseguridade no sector, o Goberno galego opta por facilitar a titulación necesaria para exercer este labor e por crear unha nova figura, a de auxiliar de apoio, que seguramente tampouco vai resolver a falta de socorristas e que en pouco vai contribuír á mellora do servizo e ao incremento da seguridade en praias e demais espazos acuáticos”, recalcou o portavoz de Xustiza, Iago Tabarés, en comisión parlamentaria.

Tabarés advertiu así sobre os cambios que perfila o Executivo do PP na normativa que regula a prestación do servizo de socorrismo en espazos de baño, tanto en areais como en piscinas públicas, e da cualificación e responsabilidades das persoas encargadas da súa execución. Neste sentido, referiuse a creación dunha nova figura, a do “persoal auxiliar de apoio”, que, cunha capacidade limitada de acción e unha formación elemental, puidera cubrir a falta de socorristas o que, segundo dixo, “vai provocar que os e as usuarias teñan unha falsa seguridade xa que as persoas aparentemente encargadas da seguridade non van ter nin a capacitación, nin a misión de actuar en caso de emerxencia acuática”.

O deputado nacionalista asegurou que “algo falla” cando hai máis de 5.000 persoas inscritas no rexistro provisorio de socorrismo e, sen embargo, non se dan cuberto as 2.000 prazas que se necesitan ao longo do país. “Ao mellor non é o número de persoas formadas interesadas en facilitar o servizo, como así o demostra a súa inscrición nese rexistro”, ironizou para a continuación apuntar como vías de solución o diálogo co sector e coas entidades locais para afrontar esta cuestión; a mellora das condicións laborais, sociais e de seguridade dxs socorristas e o incremento das accións formativas para acadar titulación exixida. “No que estamos de acordo é en que existe déficit de socorristas, polo que hai que actuar”, asegurou logo de lembrar que o 96% dos afogamentos prodúcese en espazos acuáticos onde non existe vixilancia.

Por último, instou á Xunta a aclarar a nova figura do persoal de apoio e a regular xa as súas funcións e non deixalas difusas ata “un regulamento posterior que desenvolva este regulamento”. “En definitiva –concluíu- trátase de dar seguridade; seguridade para as persoas usuarias dos espazos acuáticos, para as persoas que desenvolven a función de socorrismo e tamén seguridade normativa”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG