BNG reclama á Xunta máis recursos para o tecido asociativo xuvenil e a reactivación do Consello de Xuventude

Paulo Ríos
Paulo Ríos
Paulo Ríos pide ao Goberno galego que impulse a participación da mocidade no deseño dos plans e políticas que lle afectan directamente
BNG reclama á Xunta máis recursos para o tecido asociativo xuvenil e a reactivación do Consello de Xuventude

O deputado nacionalista Paulo Ríos reclamou á Xunta no Parlamento galego que fomente a creación dun tecido asociativo xuvenil forte, facilitando máis recursos para impulsar a súa actividade, e que faga “verdadeiramente” partícipe á mocidade galega no deseño e desenvolvemento dos plans e políticas que lle afectan directamente. Neste sentido, demandou a posta en funcionamento inmediata do Consello Asesor e Consultivo de Xuventude, inactivo dende 2014.

Ríos advertiu que a situación do asociacionismo xuvenil e da propia participación da mocidade na vida pública “é crítica”, polo que considerou fundamental que dende as institucións públicas existan recursos e propostas que impulsen unha cultura asociativa forte e normalizada o que, segundo subliñou, “supón un salto cualitativo na adquisición de competencias chave para o desenvolvemento persoal e colectivo”.

Para o deputado nacionalista, o modelo do Goberno do PP neste ámbito de actuación está baseado no fomento do asociacionismo como un ben máis de consumo: “unha grande parte da mocidade que aparece como asociada, o que está é desfrutando dun servizo concreto pagando unha cota, como pode ser o caso dos clubs deportivos ou o consumo das diferentes actividades que dende esferas afastadas á da mocidade se organizan”, recordou.

Nesta liña, cuestionou o papel desenvolvido pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado que, segundo afirmou, a súa única función “é a realización dos campamentos de verán, unha actividade moi importante no seu ámbito, pero que ten carácter rutineiro e que non pode ser a proposta estrela desta dirección xeral un ano si e outro tamén” e ao que engadiu que grande parte dos seus recursos “están destinados para que a infancia e a primeira parte da adolescencia teñan actividades prefixadas que axudan á conciliación das súas familias”.

“Isto é necesario, pero non pode pasar como política para a mocidade deste País e moito menos como a política referencial desta dirección xeral”, recalcou, para interpelar a continuación se este departamento non ten nada que dicir sobre a situación do emprego, a vivenda ou a emigración xuvenil.

Sobre a participación da mocidade nos temas que lles afecta, Ríos reprobou que no caso do Plan Estratéxico de Xuventude 2021 “son poucos os casos onde exista unha participación que naza da mocidade e escape a un ambiente controlado polo PP”, mentres que o Consello Asesor e Consultivo de Xuventude  Polo contrario, predecesor do Consello da Mocidade eliminado pola Xunta do PP após do Goberno bipartito, leva sen reunirse dende o ano 2014, “pese a que nos seu propio regulamento apareza a periodicidade nas súas xuntanzas”.

“Claro, é que este organismo non o poden manexar ao seu gusto, nin poden facer que diga o que vostedes queren, polo tanto, elimínase, vétase a participación nun organismo oficial e regulado para tales funcións”, censurou, logo de cuestionar se o PP “acaso ten medo da participación da mocidade galega e de que a realidade atravese esa coraza de titulares e grupos burbulla afíns ao PP e se caia o castelo de naipes?”.

Fronte a este modelo, o deputado do BNG considerou que a xente moza precisa que as administración públicas sexan promotoras e facilitadoras das súas ideas e inquedanzas. “Se a mocidade non pode participar no deseño de políticas sobre os temas que lles afecta, non as van considerar como propias, e é por iso polo que a inmensa maioría que participa nas súas actividades, aínda que sexa dende unha lóxica de consumo, está comprendida nunha certa idade, máis próxima á infancia”, explicou.

A xuízo de Ríos, as mozas e mozos deben organizarse arredor das cuestións que lles gusten ou que lles xeren inquedanzas “e o traballo dun goberno é impulsar esa actividade, crear un caldo de cultivo para que naza máis asociacionismo e facilitar recursos para a súa execución”. “Só así teremos unha mocidade activa, preocupada pola súa situación e involucrada na busca de solucións aos seus problemas; unha mocidade que xere riqueza neste país a todos os niveis, que sexa quen de pensar de xeito crítico e de traballar conxuntamente para conseguir os seus obxectivos”, recalcou.

“Este é un traballo que debe facer un goberno que se chame tal -afondou-, sempre e cando ese goberno non busque todo o contrario: unha mocidade calada, inócua, que non conte realmente e que asuma como propias as políticas que se deseñan dende un lugar moi afastado dos seus intereses e da súa realidade”. “Seguir coas mesmas políticas vainos deixar, señorías do PP, nese lugar afastado dos intereses e problemas da mocidade. Vostedes verán que futuro queren para o noso País”, concluíu. A iniciativa nacionalista non prosperou polo veto do PP.

BNG reclama á Xunta máis recursos para o tecido asociativo xuvenil e a reactivación do Consello de Xuventude