Parlamento Galego

O BNG reclama á Xunta que garanta a presencialidade do alumnado no 100% das aulas de Bacharelato

Manu Lourenzo e Mercedes Queixas
Manu Lourenzo e Mercedes Queixas
Varios centros públicos continúan en modalidade semipresencial e cunha redución da xornada lectiva, algo que non acontece no ensino privado 

O BNG reclama ao Goberno galego que restitúa de maneira urxente o ensino presencial en todos os centros educativos públicos do país, logo de que a Xunta decidira concibir o actual curso lectivo en distintos centros só na modalidade de semipresencialidade o que, segundo explicou o Bloque esta mañá na Comisión 4ª do Parlamento, supón unha discriminación para o alumando afectado e un prexuízo que mesmo podería afectar á súa proxección académica.

Nunha proposición non de lei presentada por trámite de urxencia e defendida polo portavoz parlamentario de Educación Manuel Lourenzo, o BNG expuxo que a docencia semipresencial implica unha redución da xornada lectiva de 32 a 15 horas semanais e, polo tanto, unha evidente desigualdade no acceso á educación para este alumnado que non vai dispoñer de atención educativa on line nas 17 horas restantes. Segundo explicou Lourenzo, entre os centros afectados atópanse varios nas cidades de Pontevedra e Vilagarcía. 

Para o Bloque, este prexuízo é aínda se cabe de maior relevo no Bacharelato, xa que o estudantado destes institutos terán que presentarse á ABAU, e a menor carga lectiva e a redución da docencia presencial poden ter unha incidencia directa na preparación dunhas probas que son decisivas para o seu futuro. “É unha discriminación evidente, xa que este alumnado vai competir co doutras comunidades e mesmo con alumnado galego do ensino privado que non sofre esta situación, polo que é urxente que a Xunta cambie a súa posición e respecte a equidade e a igualdade de oportunidades de todo o alumnado galego”, afondou o deputado do BNG.

A xuízo de Lourenzo, resulta curioso que esta situación non se dea en ningún centro privado ou concertado, pero si no sistema público de ensino, o que confirma que a Xunta non soubo planificar o curso lectivo e a medida da semipresencialidade responde a un criterio de aforro económico. “En lugar de deseñar desdobres ou contratar máis profesorado, recórrese a solucións de ensino low cost como a semipresencialidade con horario reducido ou a colocación de mamparas”, concluiu. A iniciativa do Bloque non prosperou polo veto do Partido Popular.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG