O BNG reclama á Xunta que atenda as recomendacións do Consello da Cultura Galega sobre a Lei de Rehabilitación

Luís Bará
Luís Bará
Luís Bará cualifica o informe de “emenda á totalidade” á lei aprobada polo PP  e alerta do grave risco da aplicación da norma pola  “perda, destrución e deterioro” do patrimonio galego
O BNG reclama á Xunta que atenda as recomendacións do Consello da Cultura Galega sobre a Lei de Rehabilitación

O deputado do BNG, Luís Bará rexistra varias iniciativas para reclamar ao Goberno galego que atenda as recomendacións do informe  do Consello da Cultura Galega sobre a Lei de Rehabilitación aprobada cos votos do Partido popular.

Bará afirma que o informe é “unha emenda á totalidade” da lei e pon en “risco de perda, destrución ou deterioración  moitos bens protexidos do patrimonio cultural galego” polo que apela a iniciar os trámites para deixar “sen efecto” os artigos da norma”.

O deputado explica na iniciativa que o informe do CCG responde á petición do Comité español do ICOMOS, despois de que a Xunta “vetara” a participación do Consello na tramitación da Lei.

O veto, engade Bará,  produciuse tanto no trámite previo á tramitación parlamentaria como na fase de estudo do proxecto na ponencia, na que “o PP impediu a participación do Consello da Cultura Galega no trámite de audiencia e solicitado pola oposición”.

Unha vez aprobada a lei, engade o parlamentario do BNG,  o ICOMOS (Organización Internacional de Defensa do Patrimonio asociada á UNESCO),solicita no mes de xullo  no mes de xullo un informe do Consello relativo a aspectos patrimoniais que toca a LRRRU xa que dende o ICOMOS detectaron “ artigos que van máis aló do contido na lei estatal, no referente ás actuacións en núcleos históricos e edificios catalogados”. Segundo a comunicación do ICOMOS ao Consello, “estes artigos poñen en risco a conservación dos valores patrimoniais destes núcleos como o  da cidade histórica de Santiago de Compostela da lista do Patrimonio da Humanidade.

O informe do CCG,  trasladado á Presidencia da Xunta e ao ICOMOS, pon de relevo que a lei de rehabilitación modifica o réxime de protección do patrimonio cultural de Galicia. A modificación introducida pola LRRRU afecta segundo o CCG á inmensa maioría dos bens que forman parte do Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia e á totalidade dos bens declarados de interese cultural de natureza territorial: “conxuntos históricos, territorios históricos, lugares de valor etnolóxico, vías culturais e paisaxes culturais”.

Risco de perda, destrución e deterioro do patrimonio cultural galego

O informe do Consello da Cultura galega é “contundente e demoledor” coa desprotección do patrimonio cultural , recalca Bará e ademais sinala as contradicións entre a Lei de Rehabilitación con  outras normas como a Lei de patrimonio cultural de Galicia e a Lei do Solo, ambas do ano 2016.

Para o deputado, existen aspectos negativos entre os que destaca:  “A  exclusión do criterio de mantemento da trama urbana,  aliñacións e  rasantes existentes nos conxuntos históricos, utilización conxunta de portais e núcleos de comunicación vertical, regularización e agregado de parcelas, unión de locais de negocio nas plantas baixas de varias edificacións e  permisividade á hora de baleirar os interiores dos edificios”

Por outra parte,  o informe tamén alerta das consecuencias da non aprobación do Catálogo rigoroso, completo e eficaz para a protección do Patrimonio Cultural de Galicia e sobre a aplicación das normas previstas na Lei de rehabilitación xa que “poñen en risco de desaparición, non só elementos dos edificios de singular valor senón tamén moitos inmobles, simplemente polas carencias e insuficiencias do documento que as cataloga”.

O informe finaliza cunha afirmación extraordinariamente preocupante ao sinalar que o establecemento na LRRR dunhas normas de aplicación directa sen que exista a garantía dese catálogo “pon en risco de perda, destrución ou deterioración de moitos dos bens protexidos integrantes do patrimonio cultural de Galicia”.

O BNG reclama á Xunta que atenda as conclusións do informe do CCG

O deputado considera “un grave atentado” á transparencia e á participación que o CCG fora excluído na tramitación da Lei de Rehabilitación, rexeneración e renovación urbanas de Galicia (LRRRU), dada a súa condición de órgano consultivo da Xunta, en materia de protección do patrimonio cultural galego.