O BNG reclama un trato preferente para a pesca artesanal no reparto do FEMP no período 2021-2027

Noa Presas
Noa Presas

Noa Presas pide que Galiza teña decisión directa na UE na negociación do marco financeiro e que a pesca de baixura quede excluída dos TACs

O BNG alerta sobre o escenario incerto que se abre coa negociación do regulamento do Fondo Europeo Marítimo e Pesqueiro (FEMP) para o período 2021-2017, tendo en conta que é básico para o futuro do sector pesqueiro de Galiza, estratéxico nunha nación dependente da pesca.

Por iso, desde a formación nacionalista, a deputada Noa Presas reclamou á Xunta “que abandone a posición de submisión e compracencia permanente cos ditados de Madrid e de Europa e defenda ao sector pesqueiro galego, porque de como quede o regulamento que distribúa os recursos do FEMP vai depender o futuro da pesca artesanal e de baixura”. O actual fondo 2014-2017 conta cun orzamento de 6.000 millóns de euros.

Presas pide ao Goberno galego “que aprenda dos erros do pasado sen limitarse a ir a Bruxelas a tomar recado de decisións que son lesivas para Galiza”, por iso o BNG, a través da eurodeputada Ana Miranda, ven de levar unha delegación do sector pesqueiro a Bruxelas para facer valer os seus intereses.

Neste sentido, o Bloque pide capacidade de decisión en Bruxelas nas negociacións  estratéxicas. “Debe ter voz directa en Europa nas decisións que se toman sobre sectores estratéxicos para o país, en lugar de Madrid que nos ten usado como moeda de cambio coa complicidade da Xunta, porque non temos un goberno que defenda a nosa pesca”, denunciou.

De cara á distribución do FEMP, o BNG pide que o regulamento teña en conta a situación de país altamente dependente da pesca e que se poda financiar con recursos dese fondo o marisqueo a pé, axudas para cobertura en caso de mal tempo, no caso de paradas da frota por mor de catástrofes ambientais ou peches por razóns biolóxicas como as mareas vermellas.

Igualmente, a formación nacionalista insta á Xunta a defender que a pesca artesanal e de baixura queden excluídas dos TACs “porque teñen un efecto demoledor no emprego”, e criticou o efecto perverso da estabilidade relativa que se traduce en que haxa países que manteñen cotas de pesca por riba das súas posibilidades mentres Galiza non ten cota suficiente.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG