O BNG reclama unha Tarifa Eléctrica Galega nun acto simbólico no encoro Barrie de la Maza

Baixo o lema “Galiza produce, Madrid consume, Tarifa galega”, demanda unha compensación para os concellos que soportan as instalacións de Unión Fenosa e unha tarifa eléctrica propia  que beneficie a todos os galegos e galegas

Nunha acción simbólica   no  encoro Barrié de La Maza, situado  entre os concellos de Brión e Negreira, o BNG volveu reclamar hoxe “unha tarifa eléctrica propia ” para beneficiar ás persoas consumidoras e incentivar o asentamento de novas  industrias no territorio galego.

Baixo o lema “Galiza produce, Madrid consume, Tarifa galega” varios membros do BNG despregaron tres pancartas nas instalacións do encoro Barrié de La Maza nun acto reivindicativo no que tamén participou o deputado, Xosé Luís Rivas,(Mini).

 Rivas explicou que o encoro Barrié de La Maza, ao igual que corenta máis en toda Galiza,   foi froito dunha imposición franquista que “asolagou terras, pagou expropiacións   de miseria e incitou a emigración no noso país.”  O único fin desta explotación era a obtención de grandes beneficios económicos por parte de Unión Fenosa en pago ás axudas de Barrié de la Maza a Franco.

Rivas recalcou que os recursos galegos foron “espoliados” negándolle a  Galiza a capacidade para aproveitar a súa riqueza mentres eran industrializadas outras zonas do Estado español. No ano 2007, engadiu o nacionalista, o Goberno español tomou a decisión de rebaixar os impostos que abonan as eléctricas, a pesar dos grandes beneficios que obteñen e denunciou que as veciñanzas dos concellos de  Brión e Negreira  non reciben ningunha compensación por esta explotación.

No transcurso do acto simbólico organizado polo BNG, o deputado tamén denunciou  que en Galiza, a pesar de ser produtora de enerxía eléctrica e cun excedente do 40%, os galegos e as galegas “pagamos unhas tarifas altísimas” polo que defendemos, afirmou que “pobos afectados por este tipo de instalacións sexan compensados e que Unión Fenosa volva a pagar o que lle correspondía polo IVA e a relación catastral en beneficio dos veciños e veciñas de Brión e Negreira”.

O BNG DEMANDA UNHA TARIFA ELÉCTRICA PROPIA PARA GALIZA

Ante un numeroso grupo de militantes e simpatizantes do BNG, Xosé Luís Rivas volveu a reclamar “unha tarifa eléctrica propia para Galiza” atendendo aos verdadeiros custes de produción e que está sexa máis barata e en beneficio das persoas consumidoras para que a riqueza de Galiza “reverta sobre o pobo galego”.

A maiores, manifestou que   unha tarifa eléctrica propia atraería  industrias ao noso país e sobre todo sería a  garantía dun subministro eléctrico para toda a poboación, sin discriminación”. Que ninguén, remarcou Rivas, “quede sen a enerxía eléctrica  básica para a vida por carecer de recursos para pagar o recibo”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG