congreso

BNG reclama a supresión xa da peaxe na AP-9 no tramo Vigo-Redondela

Supresión peaxes AP-9
Supresión peaxes AP-9
Néstor Rego reuniuse coas asociacións de veciños de Teis, Chapela e Trasmañó para pór en común a situación en que se encontran as rebaixas das portaxes da AP-9 que estaban previstas e que o Goberno español aínda non executou. Houbo coincidencia en que xa non valen escusas e deben ser aplicados os descontos e a supresión no tramo Vigo-Redondela de maneira inmediata.

Unha delegación do Bloque Nacionalista Galego conformada polo deputado no Congreso, Néstor Rego; as deputadas do Parlamento galego, Alexandra Fernández e Carmela González; e os portavoces municipais de Vigo, Xavier Pérez igrexas e Redondela, Xoán Carlos González, mantivo na mañá desta cuarta feira unha reunión con representantes da veciñanza para abordar a demora na aplicación por parte do Goberno español das medidas da rebaixa das peaxes que estaban previstas e aínda non se executaron.

O deputado Néstor Rego trasladou á veciñanza que “no acordo de investidura, entre o BNG e o PSOE, se incluíu a liberación de peaxes no tramo entre Vigo e Redondela, que o Goberno español ía asumir polos orzamentos do Estado o incremento de 1% anual acumulativo durante vinte anos, así como aplicar descontos aos usuarios e usuarias recorrentes que fagan máis dunha viaxe ao día”. Por esta razón, o BNG non entende que a día 1 de xaneiro, en vez de anunciar estes descontos, “o que fai o Goberno español é anunciar unha nova suba das portaxes da AP-9 que ademais será, por cuarto ano consecutivo, a autoestrada do Estado español que máis sobe” sinalou Rego.

O deputado do BNG considera que, unha vez que existen partidas orzamentarias, non existe razón para esta demora, polo que entende que este mes de xaneiro é máis que suficiente para prever as modificacións normativas necesarias para poder aplicalas, polo que reiterou a advertencia de que se non se aplican antes de comezar febreiro, a forza nacionalista chamará á sociedade galega a mobilizarse.

Encontro Vigo AP-9“Somos conscientes de que existe moito enfado, moito descontento con esta demora por parte do Goberno que non ten xustificación de ningún tipo, tanto en particulares como en colectivos sociais ou profesionais como os transportistas, que xa anunciaron de que se non se aplicaba ían á mobilización” destacou Néstor Rego.

Por parte dos representantes veciñais, o Presidente da Asociación de Teis, Anxo Iglesias, avanzou a previsión de convocar mobilizacións dos veciños e veciñas da zona para lograr canto antes a eliminación das portaxes entre Vigo e Redondela. Ademais, lembraron a reclamación histórica de transformar o tramo da AP-9 entre as Torres de Padín e o centro de Vigo en avenida urbana e realizar xa obrar previstas de humanización para reducir o impacto físico e sonoro da autoestrada, reivindicacións todas elas que Rego se comprometeu a trasladar ao Congreso.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG