BNG reclama a reprobación do director da CRTVG e urxe a renovación da dirección xeral como establece a Lei de Medios

Olalla Rodil
Olalla Rodil
Olalla Rodil reproba ao PP o seu exercicio de “cinismo político” porque non ten “a máis mínima intención” de garantir a independencia da compañía   

O BNG reclamou no Parlamento galego a reprobación do director xeral da CRTVG -pola violación de dereitos fundamentais por parte da corporación pública aos seus traballadores e traballadoras, tal e como recolle a sentenza firme que condena á corporación por vulnerar os dereitos dun dos seus traballadores- e urxiu a iniciar de maneira inmediata o proceso de negociación entre as forzas políticas representadas na Cámara para a renovación da dirección xeral do ente, de acordo co disposto na Lei 9/2011, dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galiza.

A viceportavoz parlamentaria do Bloque, Olalla Rodil, asegurou que a sentenza condenatoria á CRTVG pola vulneración dos dereitos fundamentais dun dos seus traballadores, Carlos Jiménez -a quen agradeceu a súa presenza no hemiciclo, xunto con representantes do comité intercentros, durante o debate da proposición non de lei nacionalista- é “un feito inadmisible en calquera sistema democrático e debera ser motivo abondo para que as persoas responsábeis presentasen a súa dimisión”, logo dun conflito xudicial que, segundo recalcou, “sacou as vergoñas todas á dirección da corporación, a comezar polo seu máximo responsable”.

Rodil advertiu que esta non era “a primeira nin a única vez” que a dirección do ente público actuaba contra os e as traballadoras que decidiron defender os seus dereitos laborais e o máis importante: “Defender a Galega, que é o mesmo que defender o dereito de toda a cidadanía a contar cuns medios públicos libres, independentes e sen inxerencias políticas que reflictan o pluralismo e a diversidade que existe en Galiza”.

Así, e logo de recordar os distintos expedientes abertos pola dirección da compañía contra quen denunciou a manipulación informativa, recordou que xa pasaron 11 anos sen que se aprobase o Estatuto profesional nin se crease o Consello de informativos, “11 anos sen asinar nin un só contrato-programa e, por suposto, 11 anos sen se constituír a autoridade audiovisual independente”, incidiu.

Segundo recalcou, son 11 anos os que se lles leva negando ás traballadoras e aos traballadores, pero sobre todo ás galegas e aos galegos, que son as verdadeiras propietarias dos medios públicos, os instrumentos de participación democrática que velen polo cumprimento escrupuloso da misión de servizo público”. “Todo o que acabo de relatar está na Lei de Medios, na súa lei, non na do Bloque”, recriminou á bancada do PP, á que acusou de “tremendo exercicio de cinismo político e falsidade, digno de estudo, o que fixeron vostedes”.

“Porque vostedes non teñen nin a máis mínima intención de garantir nin a obxectividade, nin a independencia, nin o pluralismo nin sequera o cumprimento da lei na CRTVG”, concluíu na defensa desta proposición non de lei que será votada na xornada plenaria de mañá, pero para a que, no debate de hoxe, o PP xa adiantou o seu voto negativo.     

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG