BNG reclama a recuperación das prazas de docentes de educación especial que o PP recortou no CPI Cruz do Sar

Mercedes Queixas
Mercedes Queixas
Queixas denunciou a situación de “precariedade” que sofren docentes e alumnado con necesidades educativas especiais no centro por mor da “desatención e insolidariedade” da Consellería de Educación

O BNG esixiu no Parlamento a recuperación das prazas de docentes de educación especial do CPI Cruz do Sar que o Goberno do PP recortou este curso, para prexuízo de ata 19 alumnas e alumnos que quedan sen ningún tipo de inclusión educativa nas súas aulas.

Mercedes Queixas puxo o foco nas necesidades especiais dun centro “cuxas características merecen toda a atención” e denunciou a “precariedade” provocada polos recortes do PP, que provocan que neste curso “só dispoña dunha única especialista en Pedagoxía Terapéutica e ningunha en Audición e Linguaxe cando neste curso as necesidades educativas son superiores ao anterior”, denunciou.

O departamento de orientación do Cruz do Sar, sinalou Queixas, xa solicitara “con moita antelación” á Consellería de Educación unha praza máis de Pedagoxía Terapéutica  (PT) e outra de Audición e Linguaxe (AL) por mor das necesidades de dous casos graves escolarizados no centro, propostas rexeitadas no seu momento pola Xunta, que resolveu conceder unicamente unha praza de mestra de AL afín con PT, algo “totalmente insuficiente” para as demandas do centro.

A deputada do BNG solidarizouse coa comunidade educativa do Cruz do Sar e evidenciou  as “mentiras” de Educación que se nega “a desenvolver unha política educativa que garanta a igualdade”, recriminou.

Queixas denunciou que o PP “si teña fondos públicos para pagar palcos VIP aos seus amigos e non para o alumnado que máis solidariedade precisa”. Ademais, reivindicou “unha política educativa humana, non só de números, que sexa unha escola de todas para todas” e demandou a fin dos recortes no Cruz do Sar “para que ningún alumno ou alumna teña que sufrir esta discriminación”, petición que foi rexeitada polo Goberno do PP, que non se comprometeu a recuperar as prazas eliminadas.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG