CARAVANA DE COCHES POLA REBAIXA DAS PEAXES

BNG reclama a rebaixa inmediata nas portaxes da AP-9

Néstor Rego
Néstor Rego

A formación nacionalista realiza na cidade da Coruña unha caravana automobilística para exixir a aplicación das bonificacións na autoestrada que conecta o Eixo Atlántico.

Néstor Rego “Hai que rematar coa estafa legalizada que supón as portaxes da AP-9 e tamén co agravio ao noso País” .

BNG reclama a rebaixa inmediata nas portaxes da AP-9

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, participou da caravana de automóbiles convocada pola organización nacionalista na cidade herculina para exixir a rebaixa inmediata nas portaxes da AP-9. Rego estivo acompañado, na primeira das mobilizacións convocadas pola organización frontista, do voceiro municipal do BNG, Francisco Jorquera, dos deputados no Parlamento galego Mercedes Queixas e Mon Fernández, así como da veciñanza e simpatizantes da organización.

A caravana automobilística que partiu do Campus de Elviña, na Universidade da Coruña, percorreu as rúas máis simbólicas da cidade: Alfonso Molina, Catro Camiños até chegar a Delegación do Goberno, na Praza de Ourense. A xornada de mobilización está enmarcada dentro da campaña social “Basta de aldraxe a Galiza” que está levando a cabo o BNG nas diferentes localidades do País que reclama ao Goberno do Estado a aplicación inmediata das rebaixas na AP-9.

“Hai que rematar coa estafa legalizada que supón as portaxes da AP-9 e tamén co agravio ao noso País que implica que teñamos unha das autoestradas máis caras do Estado” afirmou o deputado do BNG no Congreso. Neste sentido, Rego lembrou que nas medidas asinadas no acordo de investidura co PSOE, o BNG incorporou a bonificación do cen por cen a todos os usuarios e usuarias recorrentes da autoestrada. “Nos Orzamentos Xerais do Estado que foron aprobados xa existen partidas orzamentarias específicas para aplicar estas bonificacións” indicou Néstor Rego mentres apuntaba a que “levan dous meses sen aplicar as rebaixas nas portaxes e non se entende porque o Goberno se empeña en non cumprir os compromisos con todos os galegos e galegas”.

Caravana contra as peaxes da AP-9O deputado nacionalista explicou que “non hai ningunha razón para que se siga demorando a aplicación das medidas previstas que incluían tamén a absorción, polos Orzamentos do Estado das subidas previstas nos convenios de 2011 e 2013 ou a gratuidade dun tramo como é o caso de Vigo-Redondela”. Criticou a inacción do Goberno do Estado coa sociedade galega xa que “os galegos e galegas contribuímos a pagar tamén cos nosos impostos o rescate das radiais madrileñas, máis de catro mil millóns de euros, o Goberno Español racanee 55 millóns de euros para pór en marcha estes descontos da AP-9”.

“Handicap” para o desenvolvemento social e económico da Galiza

“Do que se trata é de rematar cun agravio, cunha discriminación que padecemos todas as galegas e galegos e que ten consecuencias non só na economía familiar, pois ter unha das autoestradas máis caras do estado é un obstáculo para o desenvolvemento social e económico da Galiza" sinalou Nestor Rego.

A organización nacionalista apuntou que manter as tarifas actuais da AP-9 supón un grave lastre para “moitas familias que teñen que empregar esta autoestrada todos os días por motivos laborais e moitas empresas para as que as portaxes supoñen un sobre custo que lastra a súa competitividade”. Así mesmo recordou que as tarifas actuais “obrigan a moitos transportistas a empregar as vías convencionais non preparadas para ese tráfico e aumentando o risco de accidentes”.

Caravana contra as peaxes da AP-9Nas prioridades do Goberno do Estado non se atopa A Coruña

 “Estamos nunha cidade onde o estado pon desculpas de mal pagador para non acometer o acceso ferroviario co porto exterior da Coruña. Estamos nun País onde o Goberno central prima o Corredor Mediterráneo destinado ao tráfico de mercadorías por ferrocarril en detrimento do Corredor Atlántico” sinalou o voceiro municipal do BNG na Coruña, Francisco Jorquera. Así mesmo, denunciou que o Goberno do Estado se lle “enche a boca falando de transición ecolóxica que non deixa outra saída as nosas mercadorías que o feito de que sexan transportadas en camión, coa súa afectación ecolóxica e inda por riba temos que pagar as portaxes máis caras”.

BNG reclama a rebaixa inmediata nas portaxes da AP-9