A deputada do BNG, Ariadna Fernández, preguntoulle á directora xeral de Calidade Ambiental da Xunta de Galiza, María José Echevarría, polo papel que está a desempeñar a Xunta na xestión dos plásticos agrícolas no noso País. Reclamou que o Goberno galego asuma o transporte do material e que aumente as recollidas anuais. Pediu ademais que estas recollidas se fagan porta a porta para evitar vertedoiros incontrolados.
Na súa exposición na Comisión de Agricultura, Fernández asegurou que os plásticos utilizados na conservación de ensilados e en plantacións de horta, que suman unhas 8.000 toneladas anuais en Galicia, están a ser xestionados polos concellos, que asumen o alto custo deste servizo. A tonelada de plásticos agrícolas supón entre 70 e 90 euros para os concellos que realizan recollidas periódicas, habitualmente cada seis meses, un ritmo que para a deputada resulta insuficiente debido á elevada xeración destes residuos.
Denunciou que a situación actual está a producir un “impacto negativo tanto no medio ambiente como na imaxe do sector agrícola galego”. Advertiu que moitos puntos de almacenamento provisional non están vixiados, converténdose en vertedoiros incontrolados, nos que se acumulan plásticos e outros residuos non relacionados coa actividade agroganadeira. “Isto resulta unha imaxe lamentable para o sector, que se ve prexudicado, e para o medio ambiente, que sofre pola acumulación de lixo e contaminación”, subliñou.
Ariadna Fernández sinalou que o plástico agrícola é un material de boa calidade que, despois de ser reciclado, pode ser convertido en granza e reutilizado no mercado. Non obstante Sen embargo, a reciclaxe destes materiais implica custos elevados, especialmente no que respecta á enerxía, ao transporte e á triaxe, xa que os residuos de plásticos agrícolas están frecuentemente mesturados con materiais non aptos, como garrafas ou sacos de rafia, dificultando o proceso.
Para a deputada nacionalista, a Xunta “debe asumir un papel máis activo na xestión destes residuos, colaborando cos concellos para asegurar un sistema de recollida eficiente”. A deputada demandou, ademais, que se establezan recollidas anuais e que estas se realicen de forma porta a porta, co fin de evitar vertedoiros incontrolados e mellorar a xestión ambiental.
Na súa réplica, a deputada amosou unhas imaxes coas que quixo denunciar a presencia de vertedoiros incontrolados e denunciar os anuncios do PP de que se investiron 235 mil euros para a eliminación destes vertedoiros, neste caso, só en Lalín. “Non sería mellor investilos en que a recollida se realizase porta a porta e non se xerasen este tipo de vertedoiros?”, preguntou. Engadiu que, pasados 15 días da visita da conselleira de Medio Ambiente, “os plásticos seguían alí”.
Ariadna Fernández entende que os produtores dos residuos teñen tamén a súa responsabilidade pero advertiu que cada bobina e plástico para o ensilado cústalle a cada explotación 110 euros. Indicou que, das 8.000 toneladas de plástico xeradas , recíclanse 6.000, cuxo transporte custa 540.000 euros, o que segundo a deputada supón un “importe ridículo” para unha consellería. “Facéndoo porta a porta suporía arredor de 700.000 euros”, apuntou. “Adquirir compromisos e aumentar a reciclaxe é unha misión de todos e todas, non só dos gandeiros e dos agricultores”, concluíu.